— Enrique de Salvador salienta o Parco del Mare, en Rímini, como modelo a imitar na renaturalización das áreas urbanas
— O proxecto GIFT ten como obxectivo establecer medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da infraestrutura verde, concibida como unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna
A Xunta de Galicia participa esta semana na reunión internacional dos socios europeos do proxecto Green Infraestruture for Forest and Trees (GIFT), que se celebra en Rímini (Italia), co obxectivo de buscar sinerxías para o impulso da infraestrutura verde na Comunidade.
Durante a súa asistencia ao encontro, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, visitou o Parco del Mare, que está considerado o maior espazo natural dedicado ao benestar de Europa, que inclúe zonas verdes, sendas para bicicletas e peóns así como áreas para prácticas deportivas e xogos infantís. Segundo subliñou o director do IET, este proxecto de naturalización supón un modelo a imitar en tanto que integra a infraestrutura verde no tecido urbano como garante da preservación de multitude de especies animais e vexetais, pero tamén pola contribución ao secuestro de carbono, á melloría da calidade do aire ou á mitigación das illas de calor.
Nesa liña, Enrique de Salvador incidiu na importancia de desenvolver este tipo de actuacións nas áreas urbanas para contribuír a reducir as emisións á atmosfera e a mellorar a calidade de vida da cidadanía ao supoñer beneficios tanto desde o punto de vista da saúde como da interacción social por ser estas zonas un espazo de encontro e desfrute colectivo.
A maiores, os participantes nesta iniciativa -un total de 10, baixo a dirección e liderado do Goberno galego- expuxeron os primeiros resultados obtidos no proceso de aprendizaxe e asesoramento internacional levado a cabo así como os aspectos técnicos, financeiros e loxísticos dos vindeiros meses.
Deste xeito, combináronse as reunións técnicas con visitas de estudo nas que se comprobou o desenvolvemento deste proxecto. Así, ademais do devandito Parco del Mare, os asistentes tamén avaliaron a iniciativa desenvolvida en Montecopiolo para mellorar os polinizadores no seu parque periurbano.
Proxecto GIFT
Cómpre lembrar que o proxecto GIFT ten como obxectivo o establecemento de medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da infraestrutura verde, concibida como unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.
Impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER e cun orzamento de 1,97 millóns de euros —o 80% procedente de fondos Feder e o 20% restante achegado pola Xunta—, a iniciativa pon especial atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga, a erosión e o benestar animal, entre outros.
No proxecto, ademais da Xunta, participan outras 9 entidades de países e rexións da Unión Europea, concretamente: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).
Cómpre subliñar que este programa de cooperación interrexional fomenta a política de cohesión, facilitando así o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios.

