- Ángeles Vázquez destaca que estas achegas para mellorar o estado de distintos inmobles e instalacións teñen cada vez máis demanda e que desde 2021 xa chegaron a 295 dos 313 municipios galegos, preto do 95% do total
- Na convocatoria deste ano aprobáronse solicitudes de 55 concellos, para realizar 84 actuacións, e de 348 particulares ata esgotarse os 2 millóns de euros orzamentados
- Pon en valor que Melide é o concello da provincia da Coruña con máis axudas concedidas a particulares na convocatoria deste ano cun total de 9 actuacións
A Xunta de Galicia concedeu nos últimos cinco anos (2021-2025) un total de 2.889 axudas a concellos e particulares por importe de 11,6 millóns de euros para a corrección de impactos paisaxísticos que supoñen a mobilización dun investimento global de 16,5 millóns de euros.
Durante a visita que realizou hoxe a unha vivenda reformada ao abeiro desta orde de axudas no concello de Melide, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor que estas achegas teñen unha alta demanda e permiten mellorar o estado tanto de inmobles propiedade de particulares como de edificios, equipamentos e outras instalacións de titularidade municipal. De feito, incidiu en que desde a posta en marcha desta liña de financiamento, as axudas aprobadas desde 2021 xa chegaron a un total de 295 concellos, o que representa preto do 95% do total.
Na convocatoria deste ano 2025, cuxa resolución se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia, aprobáronse 55 axudas a concellos -para 84 actuacións- e 348 a particulares, ata esgotarse os 2 millóns de euros orzamentados -un millón para as entidades locais e un millón para os particulares- que cobren ata o 70% do presuposto subvencionable.
Segundo subliñou Ángeles Vázquez, que estivo acompañada do director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, con estas axudas promóvese a implicación da sociedade na aposta polo fermosismo promovida pola Xunta e que resulta fundamental para a conservación, mellora e posta en valor da paisaxe galega.
En concreto, as achegas a concellos están dirixidas a aqueles de menos de 20.000 habitantes para dúas liñas de axudas, podendo beneficiarse dun máximo de 40.000 euros (20.000 euros por liña). A primeira das modalidades é para renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais e a segunda para mellorar o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos.
En canto aos apoios a particulares, son para intervencións en fachadas, cubertas e muros de peche e na convocatoria, así como para a retirada de elementos adxacentes que prexudiquen a imaxe ou causen algún impacto nos bens nos que se pretende intervir.
De feito, a conselleira visitou hoxe unha vivenda, cuxa fachada foi restaurada ao abeiro dunha destas axudas. Nese senso, Ángeles Vázquez puxo en valor que Melide é o concello da provincia da Coruña con máis axudas concedidas a particulares na convocatoria deste ano cun total de 9 actuacións, que se veñen sumar ás 30 executadas en anos anteriores e que supoñen un investimento total de máis de 110.000 euros.