A Xunta contribúe a situar o Festival Maré como punto de encontro en Santiago de Compostela de culturas e linguas

Redacción
  • O comisario do Xacobeo 2027 presentou hoxe a cita que se celebra do 23 ao 27 de setembro e reúne artistas de máis de 16 países e representación de 12 linguas
  • Cunha diversidade de xéneros musicais, nesta 7ª edición confluirán jazz, folklore, rock, reggae, trova cubana, samba, fado, blues e outras músicas de raíz
  • No cartel destacan nomes como Magalí Sare, Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Haydée Milanés & Javier Colina, Ala.ni ou António Zambujo

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición en Santiago de Compostela, cunha programación que volve situar a cidade como punto de encontro de culturas, linguas e diferentes expresións musicais. A cita, apoiada pola Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo, reunirá artistas de máis de 16 países e con representación de 12 linguas.

O festival foi presentado hoxe coa participación do comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García. Marcos Gómez Román destacou o valor dunha proposta que entende a música como ferramenta de diálogo entre comunidades e territorios. “Maré pon en contacto realidades culturais diferentes e permite que esa diversidade se converta nun punto de encontro, xerando novas conexións a través da creación”, sinalou. Ao seu xuízo, esta capacidade de establecer diálogos entre linguas e culturas “enriquece a oferta cultural galega e reforza a vocación de Galicia como territorio aberto ao intercambio e á creación internacional”.

O comisario do Xacobeo 2027 salientou tamén a contribución do festival á dinamización turística de Santiago durante o outono, ao incorporar unha cita cultural de carácter internacional ao calendario da cidade. “Os grandes eventos culturais axudan a ampliar os motivos polos que visitar as nosas cidades ao longo do ano e permiten seguir xerando actividade fóra dos meses de maior afluencia turística”, apuntou. Neste sentido, destacou que Maré “combina unha programación singular coa propia experiencia de descubrir Santiago, facendo que a cultura e a cidade formen parte dun mesmo atractivo para quen nos visita”.

Pola súa banda, Valentín García puxo en valor a diversidade lingüística desta cita, cunha programación específica polo Día Internacional das Linguas o día 26 de setembro. “Esta iniciativa demostra unha vez máis o poder da lingua para estreitar lazos, tender pontes e descubrir novas culturas”, destacou o secretario xeral da Lingua.

Diversidade cultural e lingüística

A programación desta sétima edición estará formada por máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea absoluta. Entre os principais nomes do cartel atópanse Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Haydée Milanés & Javier Colina, Ala.ni, António Zambujo, Magalí Sare & Vox Stellae e Marcos Coll.

As propostas transitan por diferentes xéneros e tradicións musicais, desde o jazz, o folclore e as músicas de raíz ata o rock, o reggae, a trova cubana, a samba, o fado e o blues. A programación incorpora así voces e creacións vinculadas á lusofonía, ás diásporas e a diferentes territorios de América Latina, África e Asia, nunha aposta pola diversidade que constitúe un dos sinais de identidade do festival.

Os concertos e actividades repartiranse por diferentes espazos de Santiago de Compostela, entre eles o Teatro Principal, a Sala Capitol, o Auditorio de Galicia, a praza de Mazarelos, Riquela, o CSC Maruxa e Coralia, a Casa das Crechas, a Casa das Máquinas e a Igrexa da Universidade. A distribución da programación permite levar a proposta do festival a diferentes puntos da cidade e establecer unha relación directa entre as actividades e os espazos que as acollen.

Maré completa a súa programación musical con encontros, obradoiros, propostas participativas e outras actividades culturais, ampliando o festival como espazo de convivencia, intercambio e acceso á cultura.

Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural

O Festival Maré enmárcase na programación de Concertos do Xacobeo, cunha axenda ampla e plural impulsada por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade, con máis de 190 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 80 localidades de toda Galicia.

O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Comparte este artigo