HomeXunta de GaliciaA Xunta defende o diálogo social como o marco fundamental para buscar...

A Xunta defende o diálogo social como o marco fundamental para buscar solucións conxuntas aos desafíos do mercado laboral

- Anuncio -spot_img
  • José González advertiu que o novo regulamento estatal de estranxeiría, aprobado sen atender as alegacións de Galicia e que desbota as microformacións na vía de formación para o arraigamento, vai ser moi prexudicial e xera incertezas
  • Defendeu o papel fundamental das organizacións sindicais que representan os intereses dos traballadores con compromiso e corresponsabilidade como actores chave na construción dunha sociedade máis inclusiva e equitativa para todos
  • Destacou o firme compromiso do Goberno galego co Diálogo Social reflectido no futuro decreto que impulsa para converter este espazo nunha ferramenta estable e estruturada de negociación colectiva

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na apertura do 6º Congreso da Federación de Industria, Construción e Agro de UGT Galicia. Alí defendeu o Diálogo Social como o marco clave para buscar solucións conxuntas ante os desafíos do mercado laboral como a duración e flexibilidade da xornada laboral, a cobertura de vacantes, a prevención de riscos laborais ou o o absentismo laboral non xustificado.

O conselleiro tamén se referiu ao novo regulamento estatal de estranxeiría que entra en vigor mañá e que foi aprobado sen atender alegacións como as feitas por Galicia —desbotando a figura das microformacións na vía de formación para o arraigamento—. Unha cuestión, subliñou José González, “que vai ser moi prexudicial”, xa que xera incertezas e abocará a milleiros de persoas á irregularidade. Neste ámbito, Galicia aposta por unha inmigración ordenada e en base a un emprego de calidade, atendendo á cobertura de vacantes en sectores clave.

Neste sentido, expuxo José González, o Diálogo Social é clave para abordar estas cuestións e o Goberno galego busca que a mesa de Diálogo Social sexa un fiel reflexo da realidade laboral e que responda ás necesidades e aspiracións das persoas traballadoras de todos os sectores. De aí a importancia tamén das mesas de traballo como a de economía e industria -distribuida en Industria e enerxía, naval e automoción- e a de emprego, con grupos de traballo específicos de políticas activas de emprego e prevención de riscos laborais.

Na liña de consolidar o Diálogo Social como instrumento imprescindible para o progreso económico da comunidade, o titular de emprego salientou o papel fundamental das organizacións sindicais que representan os intereses das persoas traballadoras con compromiso e responsabilidade, sendo actores chave na construción dunha sociedade máis inclusiva e equitativa para todos. Ademais, recoñeceu o traballo do secretario xeral de UGT-Fica Galicia, Javier Carreiro, neste tempo e desexou sorte á executiva que saia do congreso desta federación. Tamén salientou o labor que está a realizar Cristóbal Medeiros á fronte de UXT Galicia, da que foi elixido secretario xeral a finais de febreiro.

Institucionalización do Diálogo Social

Dentro do traballo da Xunta, o conselleiro lembrou que o Goberno galego está a dar pasos decisivos para institucionalizar o Diálogo Social dotándoo de estrutura e estabilidade. Neste eido, destacou a recente presentación á patronal e sindicatos do borrador do decreto que regulará a composición, funcionamento e organización deste espazo de encontro para reforzar a súa eficacia e lamentou a ausencia da CIG neste proceso.

Esta cooperación no marco do Diálogo Social, subliñou, é clave para seguir afianzando o fortalecemeto do mercado de traballo en Galicia e seguir consolidando os seus bos datos, actualmente co paro en mínimos históricos, e tamén para continuar promovendo un emprego de calidade.

Publicacións Relacionadas