- En setembro comezará o terceiro curso no que esta etapa será gratuíta no 100% dos centros, tanto públicos como privados
- O Goberno galego inviste 60 millóns de euros ao ano nesta medida pioneira que beneficia a máis de 32.000 familias
Esta semana remata o curso nas máis de 170 escolas infantís públicas autonómicas de 0 a 3 anos e, como vén sendo habitual, os cativos e as súas familias están recibindo unha orla e unha foto personalizada. É un pequeno agasallo co que o Goberno galego agarda que lembren con cariño o seu paso por estes centros. Así o explicou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, nunha visita á Escola Infantil O Toxo.
Coa escolla deste centro, a conselleira quixo recoñecer o labor da súa directora, Luisa Pereira, que se xubila logo de 18 anos á fronte da EI O Toxo e, en total, case catro décadas educando e coidando a milleiros de nenos en varias escolas infantís públicas galegas. Fabiola García destacou a súa eficacia e humanidade como directora e a súa traxectoria impecable marcada polo compromiso co servizo público, o esforzo e a dedicación.
Gratuidade das escolas infantís 0-3
A conselleira puxo a Luisa Pereira como exemplo da importancia da educación e atención de 0 a 3 anos. Unha etapa na que a Xunta aposta pola gratuidade do 100% das escolas infantís, independentemente da súa titularidade (pública, privada ou de entidades sociais). O Goberno galego inviste nesta medida pioneira uns 60 millóns de euros ao ano, sen apoio do Executivo central, para ofrecer conciliación a máis de 32.000 familias e un aforro anual de máis de 3.000 euros por neno.
O próximo mes de setembro comezará o terceiro curso no que se aplicará a gratuidade. Fabiola García apuntou que, no que queda de verán, a Xunta aproveitará para poñer a punto estes centros cun investimento de 3 millóns de euros en obras de mellora. O obxectivo, engadiu, é interferir o menos posible na actividade das escolas e que á volta das vacacións estea todo listo para comezar o curso coas instalacións renovadas.
A conselleira lembrou, ademais, que no período estival as familias galegas teñen á súa disposición outras alternativas de conciliación, como a achega do Bono Concilia Familia, que se convocará no mes de setembro, ou a rede de campamentos da Xunta; entre eles, os organizados a través do Plan Corresponsables ou os específicos para persoas con discapacidade.

