O futuro albergue situarase na localidade de Padroso e terá capacidade para oito persoas
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o presidente da Fundación Bieito Ledo, Bieito Ledo, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que permite a rehabilitación dunha vivenda propiedade da entidade e situada en Padroso, no concello de Xunqueira de Ambía, para convertela nun novo albergue para peregrinos do Camiño Mozárabe/Vía da Prata.
A actuación contará cun investimento máximo de máis de 100.000 euros por parte de Turismo de Galicia e permitirá reforzar a rede de aloxamentos desta ruta xacobea, mellorando os servizos que se ofrecen aos peregrinos e contribuíndo á posta en valor dun dos itinerarios con maior potencial de crecemento.
Durante o acto, o director de Turismo de Galicia destacou que “a mellora dos servizos ao peregrino é unha prioridade para seguir consolidando a excelencia dos Camiños de Santiago e garantir unha experiencia de calidade en todas as rutas xacobeas”. Neste sentido, subliñou que “este novo albergue permitirá reforzar a capacidade de acollida do Camiño Mozárabe-Vía da Prata ao tempo que recupera un inmoble tradicional, contribuíndo á conservación do patrimonio e á dinamización do territorio”. A Rede Pública de Albergues do Xacobeo conta con 15 establecementos ao longo do Camiño Mozárabe-Vía da Prata que ofertan un total de 480 prazas.
Así mesmo, incidiu en que “a estratexia de Turismo de Galicia pasa por seguir diversificando os fluxos de peregrinos, impulsando itinerarios con gran riqueza patrimonial e paisaxística como a Vía da Prata, xerando novas oportunidades para os concellos polos que discorre o Camiño”.
A vivenda obxecto da actuación atópase en Padroso, lugar de orixe de Bieito Ledo e punto de paso da etapa do Camiño Mozárabe-Vía da Prata. A súa localización, ao pé do Camiño e a apenas catro quilómetros de Xunqueira de Ambía, histórico centro espiritual na Idade Media, convértea nun enclave estratéxico para reforzar a atención aos peregrinos.
Rehabilitación integral
O proxecto contempla a rehabilitación integral do inmoble, mantendo o seu deseño tradicional e adaptando os espazos interiores ao novo uso como albergue. As actuacións executaranse respectando os criterios establecidos por Patrimonio Cultural para os inmobles situados na contorna de protección do Camiño de Santiago e empregando materiais propios da arquitectura tradicional da zona, como pedra, madeira e tella cerámica.
O futuro albergue terá capacidade para oito peregrinos e distribuirase en dúas plantas. A planta baixa albergará a recepción, biblioteca, salón-comedor, cociña, lavandería, un dormitorio múltiple e os baños adaptados, mentres que a planta superior contará con tres habitacións dobres con baño, ademais dun espazo de almacén.
No ano 2025 percorreron o Camiño Mozárabe-Vía da Prata 8.838 peregrinos, dos que o 44 % procedían do estranxeiro, mentres que nos primeiros meses de 2026 xa recolleron a Compostela máis de 4.400 persoas, cun equilibrio entre o mercado nacional e o internacional.
Coa sinatura deste convenio, Turismo de Galicia reafirma o seu compromiso coa conservación do patrimonio, coa mellora da experiencia xacobea e co desenvolvemento sostible dos territorios polos que discorren os Camiños de Santiago, impulsando actuacións que fortalecen a rede pública de servizos e contribúen á dinamización económica e social do medio rural.

