- Coincidiron na importancia de promover iniciativas que contribúan a concienciar aos máis novos da necesidade de conservar os hábitats e a biodiversidade dos espazos naturais protexidos
- O Goberno galego xa está a desenvolver varias iniciativas con este obxectivo como o concurso Parque Vibras ou o programa Parqueando Galicia
A Xunta de Galicia e as asociacións de nais de pais de alumnos estudan fórmulas de colaboración para dar a coñecer a riqueza ambiental, paisaxística e cultural dos parques naturais galegos entre a rapazada e as súas familias.
Durante unha reunión que mantiveron esta mañá en Ourense, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e o presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Ourense, José Antonio Álvarez, coincidiron na importancia de promover iniciativas que contribúan a concienciar aos máis novos da necesidade de conservar os hábitats e a biodiversidade dos espazos naturais protexidos.
Así mesmo, avogaron por desenvolver actuacións nas que se implique toda a comunidade educativo: profesorado e persoal non docente dos centros educativos, alumnado e familias. Tal e como explicou Marisol Díaz, “os máis novos poden converterse en grandes aliados para o coidado, presente e futuro, dos valores naturais, da flora e da fauna galegas, así como en verdadeiros embaixadores da riqueza ambiental da nosa Comunidade”.
Nese senso, a directora xeral lembrou que o Goberno galego xa está a desenvolver varias iniciativas con este obxectivo. Así, ás múltiples actividades formativas e divulgativas que se levan a cabo nos diferentes parques naturais galegos, este curso celebrouse a primeira edición do concurso Parque Vibras, que buscaba dar a coñecer os seis parques naturais cos que conta a comunidade entre o alumnado de Secundaria.
En total, participaron 500 alumnas e alumnos a través de 36 equipos de 23 centros educativos que fixeron vídeos orixinais para Instagram, TikTok ou YouTube centrados e inspirados nalgún dos 6 parques naturais de Galicia. E o pasado mes de maio entregáronse os premios aos mellores vídeos nas tres categorías do certame: creatividade, viralidade e valor divulgativo.
Ademais, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén puxo en marcha a iniciativa Parqueando Galicia, que ten como obxectivo que alumnado da contorna dun parque natural da Comunidade coñeza o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. De feito, a semana pasada 120 alumnos de tres centros educativos da contorna do Parque Natural do Xurés, visitaron as illas Cíes acompañados da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.