- Roi Fernández explica que o programa AquaMoz é un modelo de referencia, tanto desde o punto de vista administrativo como económico, que pode servir como exemplo para seleccionar novos proxectos e territorios
- Estas accións de colaboración reforzan o compromiso da Xunta coa consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030 relacionados coa auga, o clima e o desenvolvemento de institucións sólidas
A Xunta expuxo hoxe a contribución de Galicia á mellora da xestión dos recursos hídricos e á mitigación dos efectos da seca en Mozambique como exemplo de colaboración.
Así o subliñou o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, durante a súa intervención nunha mesa redonda con representantes doutras administracións no marco da Xornada española sobre irmandades entre operadores de auga, que se celebrou en Sevilla. “O programa AquaMoz é un modelo de referencia, tanto desde o punto de vista administrativo como económico, que pode servir como exemplo para seleccionar novos proxectos e territorios”, engadiu Roi Fernández.
A iniciativa AquaMoz enmárcase na cooperación que a Xunta, a través de Augas de Galicia, vén realizando desde o ano 2012 co Goberno do país africano, co obxectivo de fortalecer a xestión dos recursos hídricos que realizan as Administracións Rexionais das Augas de Mozambique e levar a cabo accións para facer fronte á seca que padece o sur do país. Nese senso, tal e como dixo Roi Fernández, “a xenética colaborativa de Augas de Galicia con moitos profesionais con participación e traxectoria en organizacións non gobernamentais de desenvolvemento están a facilitar o intercambio de experiencias e coñecementos”.
Estas accións de colaboración, que lidera Augas de Galicia xunto con Cooperación Galega e ONGD Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e co apoio do Grupo de Enxeñería da Auga e Medio Ambiente da Universidade da Coruña, reforzan o compromiso da Xunta coa consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030 relacionados coa auga, o clima e o desenvolvemento de institucións sólidas.
A xornada celebrada hoxe ten como obxectivo impulsar a colaboración e o intercambio de coñecementos entre operadores do sector para fortalecer os servizos de auga e saneamento, contribuíndo ao logro ODS 6. Enmárcase no programa de Diálogo Europeo de actores clave para a promoción de alianzas entre operadores de auga, promovida pola Alianza Mundial de Partenariados entre Operadores de Auga (GWOPA) dirixida por ONU-Hábitat e desenvolvida pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).