A Xunta gaba o labor dos centros escolares que participan na Feira Cullerciencia en Culleredo

Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación destaca o nivel dos experimentos científicos expostos nesta cita organizada polo Colexio Ría do Burgo

A Xunta destaca o labor de divulgación científica no ámbito educativo dos centros escolares que participan na feira Cullerciencia, organizada polo Colexio Ría do Burgo de Culleredo. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou hoxe a cita, que celebra a súa oitava edición con 34 postos de experimentos e divulgación científica, e destacouna como un exemplo do papel de profesorado e alumnado integrando a ciencia nas aulas.
Trátase dun encontro entre centros escolares e cidadanía centrado nas competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) que cada ano impulsa este centro coruñés a través do seu Club de Ciencias. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP gabou o nivel dos experimentos expostos e resaltou a importancia deste tipo de eventos na rúa para contribuír á divulgación na sociedade.
Ao longo do día, Cullerciencia ofrece actividades interactivas para toda a familia, ademais de proxectos creativos. Nela participan colexios a institutos, centros de investigación, facultades, fundacións e asociacións, se ben os protagonistas son os centros escolares, tanto de Culleredo como doutros concellos.

Comparte este artigo