HomeXunta de GaliciaA Xunta investiu case 100M€ nos últimos anos no apoio aos GES...

A Xunta investiu case 100M€ nos últimos anos no apoio aos GES e Agrupacións de Protección Civil

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, abordou hoxe no Parlamento as diferentes liñas de axuda
  • A contía inclúe equipamento cedido, formación e colaboración nos gastos de funcionamento para garantir a eficacia das intervencións ante diferentes riscos
  • O labor do Goberno galego favorece un sistema integrado de emerxencias colaborativo e multinivel

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta do labor desenvolvido pola Xunta nos últimos anos en materia de protección civil e emerxencias, no que destacou o apoio aos servizos de emerxencias locais. Villanueva cifrou en case 100 millóns de euros o investimento global dos últimos anos nesta colaboración, que suma equipamento, formación e axudas ao funcionamento, para garantir a eficacia das intervencións ante diferentes riscos.

Segundo sinalou, a meirande parte desta contía destinouse ao cofinanciamento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), con máis de 60 millóns de euros, e á dotación de equipamento, con máis de 27 millóns, tanto para os GES como para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). No que se refire ao apoio ao funcionamento destes últimos colectivos, a cifra ascende a case seis millóns de euros. A maiores o investimento global en formación suma catro millóns de euros.

Cómpre lembrar que a Xunta financia máis do 52% dos custos de funcionamento dos GES, ademais de dedicar máis de 12 millóns de euros a material para estes servizos. “Búscase así que os 33 GES actualmente operativos conten como mínimo con vehículo autobomba contra incendios, furgoneta de servizos varios dotada de material para transporte de material e persoal,  equipos de excarceración, material de comunicacións e, en función dos riscos do seu ámbito de traballo, material para rescate acuático ou para actuar en riscos derivados de fenómenos meteorolóxicos adversos como cuñas ou coitelas quitaneves”, apuntou.

Canto ás AVPC, o Goberno galego investiu máis de 15 millóns de euros en equipamento, de xeito que todas elas dispoñan cando menos de vehículo todoterreo, remolques de emerxencias e tenda de campaña, así como material específico segundo os riscos de cada territorio, como equipos para intervencións en inundacións, de socorrismo en praias e medios acuáticos, de rescate en montaña e zonas de difícil acceso, e para actuacións en nevaradas, entre outro. As dotacións seguirán medrando este ano, no que está prevista a cesión de 35 kits de material loxístico de seguridade viaria, 32 kits de ferramentas eléctricas para a atención ás emerxencias e 10 tendas de campaña.

Estes colectivos reciben ademais apoio ao funcionamento a través dunha liña de axudas anual, reforzada precisamente neste exercicio cun incremento na dotación, que pasou de 340.000 euros a 370.000.

O director xeral puxo tamén o foco na formación, impartida a través da Academia Galega de Seguridade Pública con contidos “adaptados aos distintos riscos e realidades do territorio, apostando pola actualización constante dos coñecementos e habilidades, así como pola homoxeneización dos procedementos de actuación, o que reforza a coordinación entre administracións e mellora a seguridade da cidadanía e dos propios efectivos”, engadiu.

Na súa intervención, Santiago Villanueva referiuse a outras medidas do Goberno galego para o apoio aos servizos de emerxencias locais, como as axudas á prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos, o cofinanciamento dos consorcios provincias contra incendios e salvamento, ou o deseño e constante actualización dos plans de protección civil, tanto de carácter territorial como específico.

Como froito do apoio autonómico ás administracións locais no eido das emerxencias, “Galicia conta actualmente cun sistema integrado de protección civil e emerxencias que se caracteriza pola súa estrutura colaborativa e multinivel, onde participan diferentes administracións públicas —local, provincial e autonómica— e onde cada unha delas achega recursos, medios humanos e capacidades operativas”, incidiu o director xeral.

Apoio psicolóxico nas emerxencias

Santiago Villanueva respondeu tamén unha pregunta parlamentaria sobre o apoio psicolóxico en situacións de emerxencia, prestado en Galicia polo Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) cun protocolo establecido e en colaboración con persoal especializado do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. O pasado ano o GIPCE activouse en 67 ocasións, das que se materializaron 35 intervencións Destas, 18 foron presenciais no lugar do suceso e outras 17 mediante asesoramento telefónico a familiares, achegados ou persoal vinculado con vítimas.

Segundo sinalou, os accidentes foron a principal causa de activación con case o 50% do total, seguidos de situacións relacionadas coa seguridade, como desaparicións, violencia de xénero ou condutas suicidas, e de intervencións en salvamento e rescate.

Por outra banda, o director xeral tivo unha intervención centrada na presenza de mulleres na policía local, na que destacou as actuacións desenvolvidas pola Xunta para favorecer a incorporación feminina neste corpo policial e anunciou que se seguirá traballando con novas medidas. Na promoción que está formándose actualmente, a número 17, as mulleres representan en torno ao 20% do alumnado, unha porcentaxe similar á das solicitudes de ingreso femininas.

Publicacións Relacionadas