— As obras para incrementar a captación de auga do río Mandeo e optimizar a rede de abastecemento municipal benefician ás empresas da zona e a unha poboación estimada de máis de 5.000 habitantes con horizonte en 2042
— As actuacións, rematadas recentemente e cofinanciadas con fondos europeos, son unha mostra máis do apoio técnico e económico que Augas de Galicia presta aos concellos para exercer as súas competencias na xestión da auga
A Xunta de Galicia investiu máis de 2,6 millóns de euros nas obras para optimizar a subministración de auga tanto ao polígono empresarial de Teixeiro como ao conxunto da veciñanza do Concello de Curtis, mellorando unha rede que pode dar servizo a unha poboación estimada de máis de 5.000 habitantes co horizonte do ano 2042.
O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, visitou hoxe xunto ao alcalde, Javier Caínzos, a estación de tratamento de auga potable (ETAP) do municipio para comprobar o resultado das actuacións. Os traballos realizados, rematados recentemente, permiten incrementar a captación de auga do río Mandeo e a súa potabilización mellorando o servizo ás empresas instaladas no polígono empresarial de Teixeiro, que son grandes demandantes de auga bruta e potable.
Os investimentos realizados, que contaron con financiación europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), permitiron mellorar a rede de abastecemento da zona, aumentar a capacidade da ETAP, avanzar no tratamento físico-químico da auga e instalar unha liña de lodos para os rexeites xerados na instalación.
O representante da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático salientou que as melloras introducidas son froito da boa colaboración entre administracións, pois as actuacións levadas a cabo desenvolvéronse ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Curtis.
Neste sentido, Roi Fernández incidiu en que Augas de Galicia vai seguir prestando apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de saneamento e abastecemento de auga de xeito máis eficiente prestando así servizos de calidade á súa veciñanza.
De feito, ese compromiso cos Gobernos locais reflíctese nos orzamentos do Executivo galego deste ano, cun total de 85 millóns de euros asignados a distintas actuacións de saneamento e depuración de augas -incluíndo a explotación de 28 depuradoras cuxa xestión foi cedida á Xunta polos concellos- e 23 millóns de euros na mellora dos sistemas de abastecemento municipais.