O Goberno galego está a actuar nas lagoas costeiras das illas Cíes e no complexo húmido de Corrubedo para erradicar a presenza de exemplares de flora alóctona intervindo de forma selectiva, a pequena escala e preferentemente de maneira manual
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, participou hoxe na inauguración dunha xornada sobre os espazos de Rede Natura 2000 na que puxo en valor o traballo que está a facer a Xunta na conservación das áreas protexidas ao abeiro do proxecto Life Global. Esas actuacións, cun investimento de máis de 250.000 euros, inclúen a eliminación de especies exóticas invasoras e a restauración dos hábitats e especies vulnerables existentes na contorna.
A representante do Executivo galego explicou que as tarefas do Goberno autonómico nesta iniciativa consisten na eliminación e control mediante métodos manuais de especies invasoras de flora nas lagoas costeiras das illas Cíes -no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia- e no complexo húmido de Corrubedo -no Parque Natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán-, situadas no ámbito costeiro de Galicia, en zonas de dominio público marítimo-terrestre.
A directora xeral detallou que estes traballos se executan de forma selectiva, evitando o uso de métodos químicos e seguindo os principios de cautela ambiental, polo que se realizan a pequena escala e preferentemente de maneira manual. De feito, unicamente se utiliza pequena maquinaria ou apeiros mecanizados lixeiros cando é estritamente necesario polas dimensións das especies alóctonas a eliminar.
Estes traballos contan cun orzamento de algo máis de 254.000 euros, dos que o 75% é cofinanciado pola Comisión Europea e o 25% restante pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural con recursos propios.
Iniciativa
O proxecto Life Global é a Estratexia transnacional para a restauración de áreas de Rede Natura 2000 de alto valor de conservación no norte da Península Ibérica baixo unha perspectiva de cambio global. A xornada de hoxe está coordinada polo Instituto de Biodiversidade Agraria de Galicia e Desenvolvemento Rural (Ibader) coa colaboración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas.
O programa Life é o único instrumento financeiro da Unión Europea dedicado exclusivamente ao medio ambiente e á acción polo clima. Desde 1992 aprobáronse máis de 970 proxectos Life en España (5.500 en toda a UE) cun orzamento total superior aos 1.850 millóns de euros e unha contribución da Comisión Europea de case 900 millóns de euros, case 12.000 millóns de euros en toda a Unión Europea.