A Xunta mantén o dispositivo de vixilancia, control e contención nos tramos fluviais afectados polo vertido de puríns dunha explotación en Tordoia

Redacción
  • Ángeles Vázquez informa de que non hai afección para a auga potable de Tordoia, Santiago de Compostela, Trazo e Oroso
  • Séguense tomando mostras e facendo análises dos distintos puntos de control establecidos nas canles afectadas, cuxos resultados permitirán avaliar con maior precisión a evolución da afección

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, informou hoxe de que a Xunta, a través de Augas de Galicia, manterá o dispositivo de vixilancia, control e contención nos tramos fluviais que se viron afectados polo vertido de puríns, provocado pola rotura dunha balsa de xurros dunha explotación en Tordoia o pasado luns.

Segundo explicou a conselleira, a Xunta manterá o seguimento da situación prestando especial atención á evolución da afección, á súa velocidade de transporte e á duración do episodio co obxectivo de detectar e previr calquera cambio ou incidencia que poida afectar á captación de abastecemento.

Nese senso, a conselleira, que estivo acompañada do director de Augas de Galicia, Roi Fernández, subliñou que ata o de agora o vertido non afectou ao río Tambre e que a distancia estimada entre o punto máis avanzado onde se detectou a presenza de puríns e a captación de abastecemento de Santiago de Compostela é duns 20 quilómetros. Polo tanto, neste momento non hai afección para a auga potable de Tordoia e Santiago de Compostela, así como tampouco para a subministración dos concellos de Oroso e Trazo.

Con todo, Augas de Galicia garante a colaboración e apoio técnico se fose necesario adoptar medidas para garantir a seguridade do abastecemento, como a interrupción da captación e a utilización dos recursos de reserva dispoñibles, que, en todo caso, é unha competencia municipal.

Así mesmo, a conselleira fixo un chamamento á prudencia xa que neste momento, debido ao escaso caudal circulante nos ríos e ás baixas velocidades de transporte asociadas, cómpre agardar polo resultados das analíticas antes de emitir unha valoración definitiva e determinar se cómpre adoptar novas medidas de protección.

De feito, séguense tomando mostras e facendo análises dos distintos puntos de control establecidos nas canles afectadas, cuxos resultados permitirán avaliar con maior precisión a evolución da afección e determinar se o material contaminante xa mobilizado pode supoñer algún risco para a captación de abastecemento.

Cómpre lembrar que, unha vez coñecido o incidente, Augas de Galicia enviou de inmediato a persoal do Programa de control de vertidos para inspeccionar a zona e facer un seguimento sobre o terreo da evolución da situación.  E, ao comprobar que a extensión do vertido incluía o dominio público hidráulico do río Bustelo, mobilizáronse medios e recursos autonómicos, que se reforzaron cando a afección se estendeu augas abaixo cara aos ríos Paradela e Lengüelle.

En concreto, instaláronse media ducia de barreiras filtrantes de palla e están a traballar na zona seis tractores, dous camións cisterna de recollida, unha pala retroescavadora e unha minidumper, así como unha vintena de técnicos e persoal de Augas de Galicia. O obxectivo deste dispositivo é retirar o vertido depositado nas marxes, executar labores de limpeza do leito do río e reforzar os traballos de retirada do material acumulado.

Comparte este artigo