A Xunta ofrecerá axudas de ata 120.000 euros a concellos e agrupacións locais para a instalación de puntos limpos móbiles destinados a recollida selectiva de residuos especiais

adminON
Lectura mínima de 5

— Ángeles Vázquez anuncia que a previsión da Consellería é publicar este mesmo mes unha nova orde de incentivos dotada dun orzamento global de 900.000 €

— Desde a primeira convocatoria, o Goberno galego destinou xa 5,7 M€ a apoiar 126 proxectos para a adquisición de puntos móbiles que dan servizo a 169 municipios

A Xunta ofrecerá o ano que vén axudas de ata 120.000 euros por proxecto para apoiar a instalación e posta en marcha de puntos limpos móbiles destinados a facilitar a recollida selectiva de residuos especiais de orixe doméstica. Os concellos poderán acollerse a esta convocatoria tanto de forma individual como conxuntamente con outros municipios da súa zona.
Así o anunciou esta mañá en Crecente a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que participou xunto ao alcalde, Julio César García-Luengo, no acto de entrega ao Concello dun camión para prestar este servizo, dotado con grúa, plataforma basculante e colectores para a recollida de diferentes tipos de refugallos.
Tras indicar que a previsión do seu departamento é publicar en decembro a nova convocatoria de incentivos para o ano 2025 (a quinta xa ata o momento), a responsable autonómica explicou que o orzamento global reservado para esta orde ascende a 900.000 euros, cun importe máximo por axuda de 90.000 euros e a posibilidade de ampliar esta contía ata os 120.000 euros en caso de solicitudes conxuntas.
Esta non será a única liña de colaboración en materia de residuos especiais que porá o seu departamento á disposición dos concellos o próximo ano. De feito, Ángeles Vázquez avanzou que a Xunta ten reservados 2,5 millóns de euros para axudar ás entidades locais galegas a impulsar actuacións e obras de mellora nos seus puntos limpos fixos, iniciativas para o fomento da preparación para a reutilización e a autorreparación e adquisición de puntos limpos de proximidade e móbiles.
Ao respecto, a conselleira incidiu en que desde a primeira convocatoria destes incentivos, o seu departamento destinou un total de 5,7 millóns de euros a apoiar 126 proxectos municipais para adquirir puntos limpos móbiles.
En concreto e só no marco da última orde —para o período 2023-2024— concedéronse axudas a 19 proxectos que darán servizo a 13 novos concellos, por un importe de 870.000 euros. En todo caso, as entidades locais beneficiarias poden xustificar os gastos ata o 31 de decembro polo que este balance aínda non é definitivo.
Todas as instalacións itinerantes impulsadas nos últimos anos para a recollida de determinados residuos municipais dan servizo a un total de 169 concellos galegos que ou ben teñen un punto limpo propio ou ben comparten este servizo itinerante cun ou varios concellos próximos.
Ademais, a conselleira salientou que esta rede móbil viu reforzar o servizo que prestan os 150 puntos limpos fixos que hai repartidos polo conxunto da comunidade, aos que se sumarán unha ducia máis actualmente en fase de construción e de autorización que darán servizo a 2,7 millóns de galegos ao garantir a existencia dunha destas instalacións a menos de 10 minutos do seu domicilio.
Axuda de 70.000 € a Crecente
O Concello de Crecente resultou beneficiario dunha achega ao abeiro da convocatoria publicada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no ano 2023 para o financiamento da adquisición dun punto limpo móbil, dentro da liña dirixida ao desenvolvemento de actuacións para favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización dos residuos domésticos.
O importe da achega concedida foi de 70.000 euros, o 90% dos custos subvencionables, distribuídos en dúas anualidades. Así, na de 2023 o Concello realizou traballos de información e sensibilización cidadá co deseño e difusión de dous carteis informativos sobre o funcionamento do servizo de punto limpo móbil, mentres que con cargo á deste ano, comprouse un camión con biogás de orixe vexetal, dotado dunha grúa para realizar os labores de carga e descarga do módulo do punto limpo e con caixa basculante e paneis abatibles para facilitar as operacións.

Comparte este artigo