A Xunta pon en valor a adaptación constante do Plan de Tasporte Público de Galicia ás melloras demandadas polas persoas usuarias

adminON
Lectura mínima de 5
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo como exemplo a reestruturación levada a cabo este verán no corredor A Coruña-Mera-Sada con novas frecuencias para a veciñanza de Oleiros e Sada
  • Lembrou que os concellos galegos teñen a posibilidade de solicitar a creación de servizos de autobús de interese municipal que se prestan no marco das concesións do Plan de Transporte Público de Galicia a través de convenios cando se considera necesario dispoñer de liñas específicas onde non chegan os autobuses interurbanos

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe no Parlamento de Galicia que o Plan de Transporte Público de Galicia  é “un plan vivo” que está sempre aberto a incorporar as melloras que sexan posibles e oportunas. Así, lembrou que as modificacións que se adopten teñen que estar sempre “avaladas por criterios técnicos obxectivos e ser viables desde o punto de vista económico”.

Polo tanto, as reestruturacións que se levan a cabo por parte do Goberno galego en distintas liñas tras escoitar as demandas das persoas usuarias son resultado dun seguimento continúo do servizo -engadiu- e materialízanse sempre baixo as premisas de “racionalidade, optimización de recursos e co obxectivo de garantir un servizo público de calidade”. 

Unha reestruturación deste tipo, como lembrou Diego Calvo, levouse a cabo este verán nos servizos do corredor A Coruña-Mera-Sada e supuxo a modificación de percorridos e axustes horarios que en días laborables permitiron triplicar as conexións entre a zona de Dexo e Lorbé coa Coruña. Grazas ao seguimento constante do servizo introducíronse respecto á proposta inicial novos reforzos  con sete servizos máis ao día entre A Coruña, Oleiros e Sada.

Tal e como incidiu o conselleiro, o transporte interurbano tanto en Oleiros como en Sada  ampliou a súa cobertura coa reestruturación realizada  e mantendo a oferta horaria. Puxo como exemplo que a veciñanza de Oleiros dispón de dúas frecuencias cada hora e ata tres nas franxas horarias de máis demanda ata un total de 34 servizos de Mera dirección a A Coruña e outros 36 en sentido contrario.

Ademais, en Sada están activos 22 servizos só no corredor norte A Coruña-Mera-Sada, a metade deles directos, xunto aos 70 directos dos corredores central e sur entre A  Coruña e Sada por Arillo e Oleiros, o que suman 92 conexións diarias dispoñibles.

Diego Calvo lembrou tamén que os concellos galegos teñen a posibilidade de solicitar a creación de liñas de transporte de interese municipal (SIMU) se consideran necesario dispoñer dun servizo específico que non cubran os autobuses interurbanos.

O mantemento destes servizos no marco das concesións de autobús interurbano de competencia autonómica supuxo un investimento adicional da Xunta de máis de 408.000 euros en 2023 e máis de 155.000 euros no primeiro cuadrimestre de 2024, un 24,2% máis que no mesmo período do ano anterior.

Con estas achegas, a Xunta financia as vantaxes nestes servizos municipais, que contan co mesmo sistema de tarifas que o resto de servizos pertencentes ao Plan de Transporte Público de Galicia. Actualmente, a Administración autonómica mantén convenio con 10 concellos -Ames, Arteixo, Cambre, Culleredo, Nigrán, Oleiros, Pontevedra, Teo, Tordoia e desde este verán tamén Sanxenxo- e nestas liñas viaxaron o ano pasado máis de 600.000 usuarios.

Transporte escolar

Tamén na resposta á pregunta parlamentaria, o conselleiro explicou que ante o comezo hoxe do curso escolar a Xunta seguirá a garantir ao alumnado o acceso a un transporte público gratuíto e eficaz. Deste xeito, na volta ás aulas a Xunta cubrirá as necesidades diarias de transporte de máis de 81.000 alumnos e alumnas de ensinanza obrigatoria con máis de 1.100 rutas.

A elas hai que sumar 2.200 liñas integradas ou de transporte compartido que combinan o escolar con outros desprazamentos, polo que son de gran utilidade no rural. No que se refire ao alumnado sen dereito a transporte escolar, o Goberno galego tamén atenderá na medida do posible a demanda optimizando as prazas dispoñibles.

Comparte este artigo