- Ángeles Vázquez salienta estas actividades como unha forma de concienciación sobre a pesca fluvial sostible e respectuosa co medio ambiente ao tempo que promoven a remuda xeracional no sector
- Lembra a importancia da pesca fluvial en Galicia, onde hai outorgadas máis de 48.450 licenzas das que máis da metade son para menores de 18 e maiores de 65 anos
- Desde o 2018 preto de 2.400 rapaces e rapazas participaron en accións formativas impartidas polo cinco veces campión do mundo de pesca deportiva David Arcay que combinan deporte, educación ambiental e o coñecemento do medio natural
A Xunta traballa na concienciación dos máis novos sobre os valores medioambientais e deportivos asociados á práctica da pesca sostible ou sen morte, unha actividade que contribúe ao coidado do medio ambiente e da súa biodiversidade. Este tipo de accións promovidas polo Goberno galego e que contribúen a garantir a remuda xeracional, chegaron xa a preto de 2.400 rapaces e rapazas que participaron desde o ano 2018 nestas actividades divulgativas.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañou hoxe a un grupo de nenas e nenos durante unha formación na que coñeceron as especies que se atopan nos ríos galegos, as normas para pescalas e como practicar a captura e solta, aprendendo a manipular os exemplares de forma que non sufran dano antes de ser devoltos ás canles fluviais. A actividade celebrada no concello pontevedrés de Vila de Cruces, dividiuse en tres fases e estaba impartida polo cinco veces campión do mundo de pesca deportiva David Arcay.
Estas formacións, lembrou a responsable autonómica, axudan a concienciar sobre a pesca fluvial sostible e respectuosa co medio ambiente e axudan a que os máis novos se animen a probar esta actividade deportiva e a impulsar a remuda xeracional. Ao mesmo tempo, incidiu en que esta modalidade de pesca contribúe a manter ou incrementar as poboacións das distintas especies favorecendo así a continuidade desta práctica deportiva no futuro.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, agradeceu o labor formativo que realiza David Arcay e puxo en valor a colaboración que mantén coa Xunta desde 2018 para divulgar e fomentar entre a mocidade os valores medioambientais e deportivos asociados á pesca fluvial. A través destas actividades a rapazada aprende a coñecer a fauna e a flora dos ríos galegos, a conservar os ecosistemas acuáticos, practicar a pesca sen morte, empregar técnicas de captura menos lesivas e avanzar no coidado e respecto á natureza.
Afeccionados e axudas
A conselleira lembrou a importancia que esta práctica deportiva ten en Galicia, como certifican os máis de 48.450 afeccionados que contan con licenza na comunidade, dos que máis da metade -25.172- son menores de 18 ou maiores de 65 anos.
Nesta liña, puxo en valor a aposta pola remuda xeracional do Executivo galego con medidas como a exención do pago das taxas das licenzas de pesca para os menores de 18 e as persoas maiores de 65 anos, así como a posibilidade de que os menores de 14 anos practiquen esta modalidade deportiva sen licenza sempre que vaian acompañados dun adulto que sexa titular da mesma.
Para concluír, destacou que neste 2026, a Xunta puxo en marcha por primeira vez unha axuda directa de 2.000 euros por entidade colaboradora de pesca continental en Galicia, cun investimento global de 100.000 euros para financiar actuacións de retirada de residuos, limpeza e conservación dos ríos, así como para a adquisición de maquinaria, ferramentas e equipamento de protección para desenvolver estes traballos.

