HomeXunta de GaliciaA Xunta pon en valor o impacto do retorno emprendedor na diversificación...

A Xunta pon en valor o impacto do retorno emprendedor na diversificación e revitalización da economía local galega

- Anuncio -spot_img
  • José González puxo en valor o talento de Mercedes Toscano e Jorge Núñez, dous emprendedores galegos retornados desde Chile, que impulsan a primeira fábrica de lambetadas de Galicia e a única de España de lambonadas sen azucre e sen alérxenos
  • Sinala que Minimelis é o exemplo das oportunidades que ofrece a experiencia que atesouran os emigrantes retornados e o seu coñecemento doutros mercados para seguir fortalecemento o noso tecido produtivo e crear pegada no territorio
  • O programa de axudas ao Retorno Emprendedor, que xa apoiou nos últimos anos máis de 800 proxectos, ten o prazo de solicitudes aberto ata o vindeiro 30 de setembro, ofrecendo ata 10.000 € por beneficiario
  • Estes apoios súmanse a outros como a mentoría ofrecida polo programa Merlo ou o propio asesoramento que se ofrece desde a rede de Polos despregada por Galicia, con tres oficinas en Pontevedra, situadas en O Porriño, Vilanova de Arousa e Silleda
  • Galicia impulsa o regreso dos galegos do exterior a través da Estratexia Galicia Retorna, no marco da cal nas vindeiras semanas o Goberno autonómico impulsa feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai, da man das empresas galegas

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, achegouse esta mañá ás instalacións da empresa Minimelis, a primeira fábrica galega de lambetadas e a única de España de lambonadas sen azucre e sen alérxenos. Este proxecto, impulsado por Mercedes Toscano e Jorge Núñez —dous galegos retornados desde Chile no ano 2019—, contou co apoio da Xunta no marco da convocatoria de axudas ao retorno emprendedor.

Durante a visita —na que tamén estivo presente o alcalde Nigrán, Juan Antonio González— o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración puxo en valor esta iniciativa que está a crear emprego e pegada no territorio, sinalando que o caso de Mercedes e de Jorge amosa que, con ilusión, esforzo e o apoio axeitado, o camiño de regreso non é só unha experiencia persoal, senón que tamén pode ser unha historia de éxito empresarial con impacto tanto na diversificación industrial como na revitalización da economía local galega. Así, hoxe a fábrica de Minimelis dá traballo a 17 persoas, apostando polo talento mozo —contan co apoio da Xunta no marco do programa Primeira Experiencia Profesional para impulsar a empregabilidade de menores de 30 anos—, dinamizando a súa contorna e demostrando a súa capacidade de chegar a novos mercados nacionais e internacionais.

José González sinalou tamén que Minimelis é o exemplo paradigmático das enormes oportunidades que ofrece o talento e experiencia que atesouran os emigrantes retornados e o seu coñecemento doutros países para seguir fortalecemento o tecido produtivo. Así, a Xunta —no marco da Estratexia Galicia Retorna— conta cunha liña de axudas específicas para apoiar a aquelas persoas que desexen regresar poñendo en marcha os seus propios negocios. Esta orde, que xa apoiou nos últimos anos máis de 800 proxectos empresariais, ten aberto o prazo de solicitudes de 2025 ata o vindeiro 30 de setembro, cun orzamento global de 1M€ e axudas que poden chegar ata os 10.000 € por beneficiario. En paralelo tamén se apoia ás persoas que voltan —das que os impulsores de Minimelis tamén foron beneficiarios— coas achegas extraordinarias ao retorno, orientadas a apoiar aquelas causas sobrevidas derivadas do regreso e tamén co prazo aberto actualmente.

A este respecto, o conselleiro salientou que en Galicia emprender non é un reto en solitario —tampouco para os retornados— e que estes apoios súmanse a outros como a mentoría ofrecida polo programa Merlo ou o propio asesoramento que se ofrece desde a rede de Polos despregada por Galicia con 15 oficinas repartidas por diferentes vilas e cabeceiras de comarca, tres delas na provincia de Pontevedra –O Porriño, Silleda e Vilanova de Arousa— que xa atenderon em conxunto preto de 1.000 proxectos.

Feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai

Galicia é unha rexión pioneira a prol das políticas de retorno, impulsando medidas tanto no eido da conta propia como allea para facer fronte ao reto demográfico e responder a desafíos como a cobertura de vacantes e a remuda xeracional. Así, no marco da Estratexia Galicia Retorna —unha planificación dotada con 450M€ ata 2026— a Xunta tamén ten en marcha outras accións, como o Programa Retorna Cualifica Emprego, cun orzamento de 2,3M€ para promover contratacións en orixe da man das necesidades do tecido produtivo galego.

Para seguir avanzando nesta vía, a semana que vén celebraranse feiras de emprego na Arxentina —6 e 7 marzo— e no Uruguai —10 de marzo-. O obxectivo é captar talento —da man das empresas galegas— en ambos os dous países, promovendo as oportunidades que permitan favorecer a inserción socio laboral tanto de persoas retornadas como de persoas inmigrantes que queiran traballar e establecerse na nosa terra.

Publicacións Relacionadas