HomeXunta de GaliciaA Xunta presenta os avances da candidatura da oitava reserva de biosfera...

A Xunta presenta os avances da candidatura da oitava reserva de biosfera de Galicia que sumaría máis de 90.000 hectáreas de superficie protexida

- Anuncio -spot_img
  • Este novo espazo protexido tería como núcleo o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e estendería a súa área de influencia desde Porto do Son hasta Baiona
  • A declaración desta oitava reserva de biosfera significaría que a metade da superficie da comunidade estivese protexida

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, presentou hoxe ante o Comité Español do Programa Home e Biosfera (MaB, nas súas siglas en inglés) da Unesco os avances levados a cabo por parte da Xunta da candidatura da que sería a oitava reserva de biosfera de Galicia.

Segundo explicou a directora xeral, este novo espazo, que sumaría máis de 90.000 hectáreas de superficie protexida -o 92% delas marítimas-, tería como núcleo o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e estendería a súa área de influencia desde Porto do Son hasta Baiona.

Nese senso, esta incorporación suporía unha ampliación do 8% do territorio recoñecido baixo algunha figura de protección en Galicia, que na actualidade é do 42%. Polo tanto, a declaración desta oitava reserva de biosfera significaría que a metade da superficie da comunidade estivese protexida.

Durante a súa intervención na reunión ordinaria do Comité Español do Programa Home e Biosfera, que se celebrou hoxe en Madrid, Marisol Díaz subliñou que esta candidatura dá continuidade ao traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos anos e  que deu como resultado a declaración en 2021 da Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel como Reserva de Biosfera da Unesco. Esta incorporación sumouse ás outras seis que xa contaban con ese recoñecemento:,Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras do Burón; Transfronteiriza Xurés-Gerês (Ourense e Portugal) e Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

As reservas de biosfera, que son un elemento esencial do programa Home e Biosfera da Unesco, son áreas de ecosistemas terrestres, costeiros ou mariños nos que se promove a investigación, a observación a longo prazo, a educación ambiental e a sensibilización da cidadanía. Nelas apóstase polo equilibrio entre a preservación dos recursos naturais e o avance económico e social desas contornas, xunto cunha función de coñecemento científico e apoio loxístico para alentar actividades de investigación, educación, formación para a conservación e o desenvolvemento sostible.

Nesa liña, cómpre lembrar que o Comité Español do Programa Home e Biosfera da Unesco, ten entre as súas funcións informar as propostas de declaración de novas reservas da biosfera e das súas ampliacións ou modificacións, con anterioridade ao seu traslado oficial ao Consello Internacional de Coordinación do Programa Home e Biosfera por parte do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.

Ademais, tamén se ocupa de realizar propostas e avaliacións periódicas establecidas pola Unesco sobre o estado das reservas de biosfera, así como de propoñer criterios obxectivos que permitan o establecemento de prioridades para o desenvolvemento de actividades relacionadas con estes espazos protexidos.

O Comité Español do Programa Home e Biosfera da Unesco é un órgano colexiado de natureza consultiva, no que están representados varios departamentos da Administración Xeral do Estado, as comunidades autónomas que teñen Reservas da Biosfera no seu territorio, os xestores desas áreas, representantes do sector científico e outros axentes sociais.

Publicacións Relacionadas