O Concello de Salvaterra de Miño ven de completar a instalación de máis de 249 contadores dixitais no termo municipal, alcanzando así un total de máis de 400 unidades implantadas. Esta actuación está financiada a través dos fondos europeos
NextGenerationEU, xestionados por Augas de Galicia, co obxectivo de mellorar a eficiencia e o control do sistema de abastecemento.
A implantación destes dispositivos permitirá detectar anomalías e fugas en tempo real, contribuíndo a optimizar o consumo e reducir as perdas de auga potable, especialmente nas zonas rurais, onde a dispersión da poboación dificulta o control manual.
Esta intervención enmárcase no Plan de actuacións para minimizar as perdas de auga no municipio, elaborado no ano 2022, que posibilitou nos últimos exercicios un importante investimento na implantación de contadores intelixentes en distintos núcleos do termo municipal. Ata o momento, xa se instalaron máis de 400 dispositivos nas parroquias de Corzáns, Fiolledo, Leirado, Lourido, Meder, Pesqueiras e Soutolobre.
Coa colocación destes novos equipos, o Concello completará a implantación do sistema na parroquia de Fornelos, onde se instalarán 145 contadores, e procederá tamén á substitución de 104 contadores existentes na parroquia de Alxén. Deste xeito, avánzase cara a unha xestión máis eficiente e sostible do ciclo integral da auga.
O proxecto conta cun orzamento total próximo aos 54.000 euros, dos cales arredor de 18.000 euros son financiados con fondos municipais, reforzando o compromiso do Concello coa modernización das infraestruturas básicas, a sustentabilidade e o uso responsable dos recursos hídricos.
Esta actuación intégrase, ademais, na liña de traballo do PACES municipal e complétase con outras iniciativas en marcha, tanto na dixitalización do saneamento como na mellora da ETAP

