- José González expuxo que esta actuación, que se desenvolverá con Microsoft, está dirixida tanto á xuventude desempregada como á que queira mellorar as súas oportunidades laborais a través do Servizo Público de Emprego de Galicia
- Dentro da potenciación do SPEG, destacou o pulo á ferramenta software EMi con novas accións como unha APP, enfocada especialmente á xente nova, que permitirá realizar autoperfilados para beneficiarse das recomendacións na busca de emprego
- Outro exemplo da aposta polas dixitalización a favor da cidadanía, é o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e que é referente formativo para o sector TIC galego
- O conselleiro tamén salientou o impulso de Galicia á formación flexible e á carta do tecido produtivo, tanto para persoas traballadoras como desempregadas, en liña do que promove a UE
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a directora executiva de Sector Público, Saúde e Educación de Microsoft Spain, Natalia Escobedo, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para formar en intelixencia artificial no próximo ano a ata 45.000 mozas e mozos menores de 35 anos, co obxectivo de mellorar as súas oportunidades profesionais. Segundo explicou o conselleiro, esta actuación está dirixida tanto á mocidade desempregada como a aquelas mozas e mozos que queiran mellorar as súas oportunidades laborais a través do Servizo Público de Emprego de Galicia -SEPG-.
Nesta liña, José González subliñou que esta actuación se enmarca na aposta da Xunta por achegar ao público novo ás oficinas de emprego e posiciona a Galicia como unha rexión punteira en transformación dixital. De feito, con ela facilitarase o acceso a programas formativos e actividades divulgativas como foros, talleres, xornadas e seminarios para a difusión e sensibilización sobre unha IA responsable. Trátase de formación gratuíta e de curta duración para capacitar aos participantes, que obterán un certificado, para traballar con IA. Un aspecto, subliñou o conselleiro, que vai ligado coa formación para o emprego flexible, áxil e adaptada ás necesidades do mercado laboral que defende a Xunta e que, ademais de contribuír á empregabilidade da mocidade, tamén favorece a competitividade das empresas.
Ademais, no evento de hoxe -no que tamén estiveron a directora xeral de Formación e Cualificación para o emprego, Zeltia Lado, o director do Centro de Novas Tecnoloxías, Carlos Vázquez, e o director xeral de Seguridade da Información e cofundador de Founderz, Rubén Iturrarte, entre outros- o conselleiro destacou a experiencia de Microsoft e Founderz -entidade que proporcionará a formación- nesta materia pois no 2023 lanzaron o curso de formación en IA máis grande de Europa.
Potenciación do SPEG
Alí, o titular de Emprego tamén destacou outros exemplos da vocación pioneira da comunidade galega na aplicación das novas tecnoloxías a favor da cidadanía. Entre elas, o impulso á ferramenta software EMi, dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia e premiada pola Comisión Europea e que se enmarca na potenciación deste servizo público co fin de que sexa un gran nodo de empregabilidade. EMi apóiase na IA para casar oferta e demanda no mercado laboral e permitiu realizar o perfilado competencial a máis de 40.400 persoas desde setembro de 2024. Ademais, este ano a Xunta destina 1 M€ a potenciala con novas accións como unha APP que permitirá á cidadanía realizar autoperfilados para beneficiarse das recomendacións na busca de emprego e enfocada especialmente á xente nova.
Tamén salientou o reforzo do plan de formación permanente do SPEG con novidades como un curso sobre a ferramenta software EMI. Outro exemplo da aposta polas novas tecnoloxías para impulsar a empregabilidade, que destacou o conselleiro, é o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que é referente formativo para o sector TIC galego e que acolleu a sinatura do protocolo con Microsoft.
Formación flexible a prol da empregabilidade
Dentro da estratexia da Xunta para fomentar a empregabilidade das galegas e os galegos, o conselleiro tamén puxo de relevo a aposta pola formación flexible e á carta do tecido produtivo, tanto para persoas traballadoras como desempregadas, en liña do que promove a Unión Europea. Neste ámbito destacou que Galicia será pioneira no impulso dun decreto a favor das microcredenciais.