- Os envíos, que comezaron estes días mediante correo postal, dan resposta ás modificacións das leis de caza e pesca continental de Galicia incluídas na lei de medidas que acompaña os orzamentos do Executivo galego para 2025
- A medida beneficiará a preto de 21.300 afeccionados á caza e a máis de 20.400 titulares de licencias de pesca continental da comunidade
A Xunta vai enviar de oficio este ano a renovación das licencias de caza e pesca continental a todas as persoas titulares que superen ou estean a punto de cumprir os 65 anos ao tempo que declara o carácter indefinido destes permisos, polo que non será necesario renovalos no futuro. A remisión destes documentos, que comezou nestes días mediante correo postal e que se manterá nos vindeiros anos para aquelas persoas que vaian cumprindo esa idade, beneficia en 2025 a preto de 42.000 afeccionados entre as dúas actividades.
Esta medida enmárcase nas modificacións da Lei de pesca continental de Galicia e da Lei de caza de Galicia incluídas na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos da Xunta para este exercicio. O obxectivo último é simplificar os trámites administrativos e que a relación coa cidadanía sexa o máis sinxela e personalizada posible aforrándolle tempo, custos e desprazamentos ás galegas e galegos.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático leva anos impulsando accións coas que reducir ao máximo os trámites na expedición de documentos como as licencias de caza e pesca continental. Neste caso, a remisión e renovación automática destes permisos aos maiores de 65 anos -e a súa conversión en indefinidos- beneficiará este ano a preto de 21.300 afeccionados á caza e a máis de 20.400 titulares de licencias de pesca continental da comunidade.
Deste xeito o Goberno galego avanza no seu Plan de mellora dos servizos públicos, co que a Administración galega está a implantar distintas medidas que inciden nunha atención máis directa e personalizada á cidadanía. Con esta estratexia simplifícanse e axilízanse algúns dos trámites administrativos máis demandados pola cidadanía, anticipándose ás súas necesidades ou reducindo a documentación que é preciso aportar.
A Xunta aposta así por ser unha Administración transparente, con máis e mellores servizos e cada vez máis dixital poñendo ás persoas no centro de todo o proceso e facilitando o seu día a día ofrecendo certos servizos sen necesidade de que os soliciten.