A Xunta resolve conceder a Fogar a Clínica San Rafael a xestión da miniresidencia Casa da Quintán en Pontecaldelas

Redacción
Lectura mínima de 3

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, reuniuse coa directiva da entidade que xestionará ata 2028 este centro de atención especializada a nenos e adolescentes cunha medida de protección e problemas de saúde mental

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo esta mañá unha reunión coa directiva da entidade social Fogar e Clínica San Rafael, que será a encargada de xestionar mediante concerto social o centro de menores Casa da Quintán en Pontecaldelas, especializado na atención a nenos e adolescentes cunha medida de protección e problemas de saúde mental.

A Xunta resolveu conceder a esta entidade o concerto social mediante o que se xestionará ata o ano 2028 este recurso. O orzamento destinado a este concerto é de 2,2 millóns de euros, con posibilidade de prorrogalo dous anos máis, ascendendo nese caso o valor estimado ata os 6,4 millóns de euros.

Tras a reunión, á que asistiron o xerente da entidade, Raúl Torres, e a nova directora do centro, Eva Gil, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica puxo en valor a experiencia desta entidade na atención ás persoas vulnerables, con máis de 90 anos de traxectoria na contorna de Vigo.

A Casa da Quintán dispón de oito prazas de acollemento residencial e os seus usuarios reciben unha atención socioeducativa e terapéutica especializada a cargo de un equipo de profesionais multidisciplinar. O obxectivo é conseguir unha melloría da situación emocional e o benestar dos menores, ao tempo que se lles acompaña e prepara para a vida adulta. Para iso desenvólvese un amplo programa de actividades que inclúe, entre outras: obradoiros relacionados coa formación laboral e a orientación vocacional, con técnicas de busca de emprego, ou a aprendizaxe de habilidades para a vida independente.

Ademais deste centro, a Xunta conta con outros dous recursos específicos para nenos e adolescentes do sistema de protección e con trastornos de conducta: a minirresidencia Chavea Muiño Novo en  Vilagarcía de Arousa e o centro de menores Montealegre de Ourense.

Comparte este artigo