- Ángeles Vázquez sinala que esta actuación é a mellor solución desde o punto de vista técnico e ambiental para garantir a conectividade fluvial e recuperar a funcionalidade recreativa deste espazo
- Subliña que este proxecto, que se prevé que estea rematado antes de que remate 2026 logo dun investimento de 210.000 euros, dá resposta a unha demanda da veciñanza e dos pescadores
- Xa está en marcha a segunda fase dos traballos, que consiste na instalación dunha comporta abatible e dunha escala de peixes, que favorecerán a recuperación das poboacións piscícolas, así como o uso recreativo da contorna durante o verán
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que os traballos de mellora da conectividade fluvial do río Furelos, no Concello de Melide, que está acometendo a Xunta, a través de Augas de Galicia, son a mellor garantía para compatibilizar a conservación ambiental desta contorna co seu desfrute por parte da veciñanza.
Nese senso, durante a visita que realizou hoxe á segunda fase dos traballos, Ángeles Vázquez sinalou que esta actuación é a mellor solución desde o punto de vista técnico e ambiental para garantir a conectividade fluvial e recuperar a funcionalidade recreativa deste espazo, xa que permitirá reducir a acumulación de lamas e sedimentos na contorna da praia durante os meses de verán. De feito, segundo lembrou a conselleira, este proxecto dá resposta a unha demanda da veciñanza e dos pescadores.
A previsión é que estes traballos, que contan cun orzamento de 210.000 euros, estean rematados antes de que remate este ano 2026. De feito, vén de comezar a segunda fase, durante a que se executarán, entre outras accións, a instalación dunha comporta abatible de aceiro inoxidable, que permitirá a conectividade do río e posibilitará o uso recreativo en época estival, habilitando o encoro para zona de baño. En concreto, a apertura da comporta, a maior parte do ano, favorecerá a circulación da auga e a recuperación da conectividade fluvial.
Así mesmo, cando a comporta estea pechada durante o verán, o río manterá a súa continuidade para a fauna piscícola xa que tamén se acometerá a construción dunha escala de peixes. De feito, estas estruturas están deseñadas para permitir que os peixes sorteen obstáculos artificiais nos ríos e teñen un papel fundamental na recuperación das poboacións piscícolas.
A través desta solución, garántese a conservación do azud ao mesmo temo que se dá resposta aos problemas detectados no funcionamento actual do río, xa que o azud constitúe un obstáculo para a continuidade fluvial e favorece a acumulación de sedimentos na zona de baño.
Cos traballos iniciados esta semana dáse continuidade aos concluídos antes do verán, que consistiron na retirada de lodos na bacía do río ao seu paso pola praia fluvial. Nese senso, cómpre lembrar que as obras se paralizaron durante estes meses para non interferir coas actividades que se desenvolven neste espazo durante a época estival.
Cómpre indicar que o proxecto, como non podía ser doutro xeito, foi aprobado tras unha tramitación na que foi avaliado por distintos departamentos para garantir o máximo rigor técnico. En concreto, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural determinou que os elementos que conforman o azud non están incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e a de Patrimonio Natural informou sobre a compatibilidade da actuación coa normativa da Rede Natura 2000. Así mesmo, os servizos técnicos municipais do Concello de Melide emitiron informe favorable sobre as actuacións previstas.
Para concluír, Ángeles Vázquez incidiu en que grazas a esta actuación se recupera un espazo de referencia para Melide e se garante que siga mantendo a súa función ambiental, social e recreativa.

