Ángeles Vázquez salienta o papel clave que teñen en Galicia a actividade cinexética e a pesca fluvial para garantir o equilibrio ecolóxico do medio natural

Redacción
  • Lembra que para facilitar o seu labor, o departamento autonómico ofrece cada ano axudas dirixidas tanto aos Tecores como ás sociedades colaboradoras de pesca
  • O apoio da Xunta a ambos sectores traduciuse nos últimos anos en medidas destinadas a simplificar os trámites administrativos necesarios para o exercicio destas actividades, garantir o relevo xeracional e introducir outras melloras normativas

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o papel clave que xogan tanto a actividade cinexética como a pesca continental en Galicia para garantir o equilibrio ecolóxico do medio natural e dos seus ecosistemas.

Así o destacou esta mañá a responsable autonómica, que participou primeiro na Festa da caza e do rural, que se celebra este ano por primeira vez no concello de Valga, e asistiu tamén, acompañada pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, á Festa do escalo de Chaián, unha das celebracións máis consolidadas do concello de Trazo e que en 2026 celebra o seu 50 aniversario.

En concreto, Ángeles Vázquez aproveitou a súa presenza en dúas citas moi relevantes para o sector cinexético e pesqueiro en Galicia para reivindicar a contribución de ambas actividades á conservación do patrimonio natural e destacar, á vez, a vontade de colaboración amosada sempre por parte das distintas entidades e asociacións que representan a estes sectores na Comunidade.

A responsable autonómica explicou tamén que o seu departamento mantén unha liña de diálogo aberta de forma permanente con ambos colectivos, que, tal e como salientou, contan historicamente cunha gran tradición en Galicia. Por iso, destacou a importancia de contar coa súa opinión e implicación tanto á hora de abordar a xestión de ambas actividades como de fomentar as boas prácticas e o respecto pola contorna natural.

Neste sentido, lembrou que cada ano a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ofrece axudas aos titulares dos Tecores para realizar nestes terreos actuacións de mellora de hábitats cinexéticos ou para construír tobeiras artificiais —cun orzamento de 270.000 euros na última convocatoria— e tamén ás entidades colaboradoras de pesca continental para a execución de accións divulgativas e de vixilancia fluvial —cunha partida de 50.000 euros para 2026—.

Ademais, no caso concreto da pesca, explicou que este ano, por primeira vez, a Consellería vén de asinar convenios de colaboración cun total de 50 sociedades para concederlles unha achega directa de 2.000 euros a cada unha destinada a comprar material e maquinaria coas que mellorar o coidado e a sostibilidade dos ríos galegos.

Menos burocracia e licenzas interautonómicas

Así mesmo, cómpre salientar que nos últimos anos o apoio do departamento autonómico tamén se traduciu en melloras e novidades introducidas a través da normativa reguladora das tempadas de caza e de pesca continental en Galicia, así como nunha aposta pola simplificación e a axilidade administrativa no que respecta aos trámites necesarios para poder exercer estas dúas actividades.

Entre as máis relevantes, destacan a introdución do carácter indefinido para as licenzas de caza e de pesca para persoas de máis de 65 anos, medida vixente desde 2025 e orientada a evitar que as persoas maiores teñan que repetir cada ano os mesmos trámites; ou o establecemento da gratuidade das licenzas para determinados colectivos, como os maiores de 65 anos ou os menores de idade, entre outros.

Ao respecto, a conselleira explicou que con estas medidas a Xunta quere contribuír á remuda xeracional do colectivo dos pescadores de río —cunha idade media de entre 50 e 70 anos—, polo que agradeceu tamén o labor de divulgación que realizan as entidades colaboradoras no seu día a día.

De igual xeito, no mes de marzo a Xunta tamén subscribiu un convenio de colaboración xunto con outras nove comunidades para o establecemento de licenzas interautonómicas de pesca en augas continentais e de caza co fin de facilitar que pescadores e cazadores galegos poidan exercer a súa actividade dentro destes territorios cunha única licenza, sen necesidade de realizar trámites adicionais en cada unha das comunidades.

Comparte este artigo