HomeXunta de GaliciaBelén do Campo participa na solta de oito exemplares de polos de...

Belén do Campo participa na solta de oito exemplares de polos de píllara nas dunas de baldaio criados co obxectivo da recuperación desta especie

- Anuncio -spot_img

 Os exemplares foron criados en catividade no Centro de Recuperación da Fauna Silvestre de Oleiros

 A delegada da Xunta destacou o traballo da Xunta e da Universidade de Santiago de Compostela para incrementar a poboación desta especie para que deixe de ser vulnerable

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto á directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, participou hoxe na solta de oito exemplares de píllara nas dunas da praia de Baldaio. O obxectivo da iniciativa é que a píllara das dunas volva recolonizar o norte da provincia da Coruña onde se ten detectado un descenso da poboación nos últimos anos.
A delegada da Xunta destacou que as principais ameazas para estas aves son a destrución e alteración dos seus hábitats pola acción humana, como solta de cans nas praias ou a limpeza mecanizada dos areais, ademáis, tamén lles afecta a predación por parte doutras especies, entre outras accións. Neste senso, Belén do Campo fixo un chamamento á cidadanía para que se respecte escrupulosamente as sinalizacións e carteis informativos instalados nas praias galegas onde aniña esta especie.

A solta desta mañá enmárcase no plan de conservación da especie que está a desenvolver a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a súa recuperación pois trátase dunha ave clasificada como “vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Esta iniciativa lévase a cabo en colaboración entre España e Portugal a través de Interreg dentro do proxecto Iberalex.
Todos estes exemplares foron criados en catividade no Centro de recuperación de fauna silvestre que a Xunta de Galicia ten en Oleiros (A Coruña) a partir de ovos recollidos na natureza.

Os ovos recóllense na primavera e incúbanse no centro de recuperación, onde nacen as crías e pasan algo máis dun mes. A esperanza media de vida é de 3 ou 4 anos e a etapa reprodutiva comeza aproximadamente ao cumprir o primeiro ano.
Belén do Campo subliñou que no último censo, realizado en 2024 na costa galega pola Universidade de Santiago de Compostela, a poboación nidificante foi de 86 parellas distribuídas nun total de 25 praias, a cifra máis alta rexistrada nos últimos 6 anos pero aínda lonxe do tamaño poboacional mínimo de 250 parellas que se estableceu como poboación viable para descualificala da súa categoría de “vulnerable”.
A actividade en Baldaio contou tamén coa participación dos encargados deste proxecto da Universidade de Santiago de Compostela, Jesús Domínguez e María Vidal, profesor titular e técnica superior de investigación, respectivamente, do departamento de Zooloxía.

Características

A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) é unha ave limícola de pequeno tamaño, de entre 150 e 175 milímetros de lonxitude. A poboación española sitúase maioritariamente na costa mediterránea e en Andalucía, mentres que a poboación da costa cántabro-atlántica do norte foi desaparecendo ata atoparse unicamente nalgunhas zonas de Galicia.

Esta poboación galega nidifica principalmente entre marzo e xullo en praias non urbanizadas, polo menos non en toda a súa extensión, e provistas de cordón dunar ou supramareal con vexetación máis ou menos dispersa. No período invernal (entre setembro e febreiro) a súa distribución é máis ampla, e ocupa ademais zonas do intermareal lamacento-areoso e praias urbanas

Belén do Campo subliñou que Galicia ven desenvolvendo de maneira moi intensa, especialmente nos últimos anos, distintas medidas de recuperación desta especie que van desde aquelas destinadas a aumentar o éxito reprodutor da especie (a través da instalación de parcelas de exclusión ou incubación artificial de ovos e/o cría de pitos) a outras destinadas á conservación e manexo do hábitat (a través do balizamento temporal en áreas críticas de nidificación ou a colocación de paneis informativos). Neste senso, sinalou que durante o ano 2024 instaláronse un total de 64 parcelas de exclusión (para diminuír a incidencia de depredadores alados e terrestres) e se balizaron 40 áreas de nidificación naquelas praias onde se detectou unha elevada taxa de perturbación.

A delegada da Xunta informou que no ano 2024 recolléronse o 61 % dos niños abandonados polos proxenitores ou con risco elevado de perda por efecto das mareas, pero grazas ao programa de incubación artificial, destes niños naceron 36 pitos e conseguiuse que voasen 34. Desde o arranque deste programa, conseguiuse que voasen un total de 146 pitos.

A combinación de todas estas medidas permitiu que a produtividade das parellas pasase de 0,6 a 1 pito voado por parella, taxa que se atopa mais próxima ao obxectivo de 1,5 fixado no plan de conservación da especie como necesaria para asegurar a viabilidade da poboación galega.

Publicacións Relacionadas