Lete Lasa asegura que a Carreira de Rafa Nadal debe animar a todos os tenistas xuvenís e cadetes que pasarán por Sanxenxo a soñaar con grandes metas

adminON
Lectura mínima de 3

_Entre os 120 participantes do Júnior, do 15 ao 20 de outubro, Galicia contará con cinco representantes: Aranai Martínez (Vigo), Carlota Souto (Vigo), Nicolás Bellas (A Coruña), Miguel del Castillo (A Coruña) e Yeray Quián (Santiago)

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do XXII Torneo Internacional ITF Júnior e o XVI Torneo Internacional Cadete Tennis Europe organizados polo Círculo Cultural e Deportivo de Sanxenxo. O mandatario galego enxalzou a figura do mellor tenista español e un dos mellores da historia, Rafael Nadal, no día do anuncio da súa retirada e asegurou que “a súa carreira debe animar a todos os tenistas xuvenís e cadetes que pasarán por Sanxenxo nestes días a soñar con grandes metas”. Neste sentido lembrou o paso de Rafa Nadal por Galicia, en 1998 e 1999 nun Campionato de España e no clasificatorio dun Europeo infantil, ambos no Club Bamio de Ourense, e en 2022 no Torneo Futures do Club de Campo de Vigo.
Lete Lasa destacou que ambos os dous torneos de Sanxenxo convertéronse, ao longo de todos anos, “en dous dos maiores trampolíns para o tenis de base” e lembrou que nestas pistas xogaron o gañador de catro Grand Slams, Carlos Alcaraz; a vilagarciá e número 61 do mundo, Jessi Bouzas; ou o vixente campión do US Open Júnior, Rafa Jódar, que gañou en Sanxenxo o ano pasado.
Lete Lasa subliñou a importancia dos eventos tenísticos que se organizan en Galicia e lembrou que, esta mesma fin de semana terá lugar o Internacional M15 de Pontevedra, o primeiro torneo ITF masculino que se disputa en Pontevedra, ou o Vigo Tenis Open 2024, un torneo xuvenil de Grao 2 que levará a cabo nas pistas de Samil. Ademais, lembrou a gran oferta de tenis feminino que no verán deixounos, por unha banda, o Torneo Internacional Feminino de tenis W50 celebrado no Club Santo Domingo de Ourense e, polo outro, o Torneo Internacional de Tenis Feminino Cidade de Vigo W35, apoiados pola Xunta de Galicia.
O ITF Júnior de Sanxenxo é un torneo xuvenil de Grao 1, o maior nivel posible, no que participan as 120 mellores raquetas -60 mozas e 60 mozos-. Entre todos eles, Galicia contará con cinco representantes como Aranai Martínez (Vigo), Carlota Souto (Vigo), Nicolás Bellas (A Coruña), Miguel del Castillo (A Coruña) e Yeray Quián (Santiago). A continuación do ITF Júnior, que terá lugar entre o 15 e o 20 de outubro, terá lugar o Internacional Cadete Tennis Europe.

Comparte este artigo