_Na fin de semana, os dous equipos galegos da elite do baloncesto nacional, o Breogán e o Leyma Coruña disputarán ante o Valencia Basket e o propio Mónaco o Torneo EncestaRías
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Torneo EncestaRías e do ‘Dream Game’ entre o Real Madrid e o Mónaco no que asegurou será “unha semana do mellor espectáculo do baloncesto europeo e mesmo mundial”. O mandatario galego lembrou, ademais, que este ano, o Torneo EncestaRías celébrase en Pontevedra porque o pavillón vilagarcía de Fontecarmoa vén de ser reformado cun investimento de 2 millóns de euros, dos que o Goberno galego achegou 350.000 euros.
Lete Lasa destacou a importancia dun partido como o ‘Dream Game’ que disputarán dous dos mellores equipos do baloncesto europeo e candidatos á gañar a Euroliga. Tras repasar a lista de baloncestistas que xogaron na NBA e que estarán mañá no pavillón municipal, lembrou que o Real Madrid levaba 35 anos sen visitar Pontevedra, polo que o partido está cheo de alicientes.
Ademais, o secretario xeral para o Deporte lembrou que o Torneo EncestaRías da fin de semana contará coa participación dos dous equipos galegos da elite do baloncesto nacional, o Breogán e o Leyma Coruña, que se verán as caras contra dous equipos do máximo nivel continental, o Valencia Basket e o propio Mónaco, que estenderá a súa visita á cidade do Lérez.
O responsable da carteira de Deportes destacou o gran momento do baloncesto galego grazas a eventos como o EncestaRías e lembrou que nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París, Galicia contou con catro representantes no baloncesto: María Araújo, Paula Ginzo, Manuel Lorenzo e Vicky Alonso, que axudaron ás súas seleccións a acadar diploma olímpico en baloncesto feminino e en baloncesto en cadeira de rodas masculino e feminino.

