López Campos aborda co alcalde de Crecente colaboracións en programación e infraestruturas culturais e accións de lingua, xuventude e patrimonio

Redacción

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, abordou hoxe co alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, cuestións vinculadas coas materias do seu departamento. En concreto, afondaron nas posibles vías de colaboración para a mellora das infraestruturas culturais e tamén analizaron accións de promoción da lingua, de apoio á mocidade e de conservación e preservación do patrimonio de interese para este municipio pontevedrés.

Precisamente, o representante de Cultura do Goberno tirou proveito desta xuntanza para analizar polo miúdo co rexedor as modificacións na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, que están a permitir reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais. Neste senso, cómpre subliñar que, ata o momento, a Xunta de Galicia era a única administración autonómica que informaba dos bens de todo o territorio con independencia de cal fose o seu grado de protección, o que supoñía a xestión cada ano de 30.000 expedientes cun prazo de resolución aproximado de entre seis e 12 meses.

Comparte este artigo