• O Concello de Redondela xa tramitou a petición formal ante a administración autonómica para incorporar unha terapeuta ocupacional a xornada completa e un reforzo de logopedia a media xornada.
• A alcaldesa, Digna Rivas, destaca o éxito rotundo deste recurso público, que dá cobertura a Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos, e agarda unha resolución positiva e rápida da Xunta para atender as demandas das familias.
O Goberno local de Redondela quere seguir ampliando o seu mapa de servizos sociais, neste caso dos dedicados á infancia. O Concello xa solicitou formalmente á Xunta de Galicia unha ampliación do cadro de profesionais do Servizo de Atención Temperá (SAT) situado na rúa Reveriano Soutullo. En concreto, a petición especifica a necesidade de incorporar unha terapeuta ocupacional a xornada completa e unha profesional de logopedia a media xornada. Con este reforzo técnico, o Concello quere blindar a calidade asistencial e absorber as necesidades das familias que requiren estes especialistas. O Goberno local está á espera de que a administración autonómica resolva esta solicitude, considerada urxente para dar resposta á crecente demanda do centro.
O SAT de Redondela funciona como un recurso comarcal de xestión compartida que atende de xeito gratuíto á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos. Na actualidade, o centro dá cobertura a máis de 60 crianzas do propio municipio e tamén das vilas veciñas de Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou o impacto positivo que este servizo tivo na comarca dende a súa posta en funcionamento, pero incidiu en que “o propio éxito do recurso e o incremento de solicitudes fan que o persoal actual resulte insuficiente”. A rexedora explicou que “as disciplinas de terapia ocupacional e logopedia son fundamentais e teñen moito peso nas intervencións precoces. Confiamos en que a Xunta resolva de xeito favorable e á maior brevidade posible esta solicitude, xa que estamos a falar do benestar e o futuro de nenos e nenas que non poden agardar polos tempos da burocracia”.
O servizo ofrece na actualidade atención coordinada nas áreas de psicoloxía, logopedia e fisioterapia pediátrica, cunha profesional de cada especialidade. O acceso realízase mediante derivación do pediatra de referencia.

