Portas celebra unha nova edición do Xantar da 3ª Idade cunha ampla participación veciñal, institucional e internacional

Redacción

A xornada reuniu ás persoas maiores do municipio e contou tamén coa presenza dunha delegación de Lyaskovets (Bulgaria), que estes días visita Portas no marco do intercambio entre ambos concellos.

O Concello de Portas celebrou hoxe unha nova edición do tradicional Xantar da Terceira Idade, unha das citas máis arraigadas do calendario social municipal e concibida como unha xornada de convivencia, encontro e recoñecemento ás persoas maiores do concello.
O encontro reuniu a numerosos veciños e veciñas nun ambiente festivo e contou tamén cunha destacada representación institucional, encabezada polo alcalde de Portas, Ricardo Martínez Chantada, xunto cos concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal deste concello ademais de Meis, Cuntis e O Campo Lameiro.
Entre as autoridades convidadas estiveron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández López, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de O Campo Lameiro, Carlos Costa Domínguez.
A xornada contou ademais coa participación dunha delegación do municipio búlgaro de Lyaskovets, que leva varios días visitando o municipio de Portas como resposta á visita institucional realizada previamente por representantes do Concello de Portas a Bulgaria no pasado mes de xuño. Esta estancia enmárcase no intercambio e nos vínculos de colaboración e amizade que ambos municipios veñen reforzando.
No transcurso do xantar, o alcalde de Portas, Ricardo Martínez Chantada, deu a benvida á delegación de Lyaskovets e agradeceu a súa presenza nunha das celebracións máis significativas para a veciñanza do municipio. O rexedor dirixiuse tamén ás persoas participantes para animalas a desfrutar do xantar, da convivencia e da programación preparada para a ocasión.
A continuación, a tenente de alcalde de Lyaskovets, en representación da delegación búlgara, dirixiuse ao público para agradecer a atención e a acollida recibidas durante a súa estancia en Portas. Na súa intervención salientou os lazos de amizade creados entre ambos municipios e amosou a súa confianza en que estes vínculos permitan seguir desenvolvendo traballos e proxectos conxuntos durante moito tempo.
O Xantar da Terceira Idade volveu converterse así nun espazo de encontro e confraternidade, reforzando unha tradición coa que o Concello de Portas quere recoñecer a contribución das persoas maiores á vida social e comunitaria do municipio.
A programación da xornada incluíu a recepción dos convidados, un concerto da Banda de Música, a celebración dunha misa solemne, o xantar e unha actuación musical, completando un amplo programa de actividades dirixido a favorecer a convivencia e a participación.

Comparte este artigo