- O Parque de Tafisa acolle os días 17 e 18 de xullo máis de vinte horas de música
- David Bisbal, María Becerra, Nathy Peluso, Ana Mena, Juan Magán, Luck Ra e Nil Moliner encabezan un cartel pensado para reunir o mellor do pop, a música urbana e os sons latinos
O Bigsound Pontevedra regresa esta fin de semana cunha segunda edición que confirma a consolidación deste festival como unha das grandes incorporacións ao calendario musical galego. Os días 17 e 18 de xullo, o Parque de Tafisa volverá converterse no epicentro da música pop, urbana e latina da man dun evento integrado na programación dos Concertos do Xacobeo, que continúa ampliando e diversificando a oferta musical de Galicia.
O comisario do Xacobeo 2027 Marcos Gómez Román participou esta tarde na presentación oficial do festival e destacou que “a rápida consolidación do Bigsound demostra que Galicia é capaz de acoller con éxito novas propostas musicais de dimensión estatal, complementando unha oferta cada vez máis ampla e diversa”. “Desde os Concertos do Xacobeo apostamos por festivais que amplían públicos, dinamizan os destinos e contribúen a que a música sexa tamén un motor turístico e económico para o territorio”, concluíu o representante da Xunta.
Tras o éxito da súa primeira edición, na que reuniu máis de 35.000 asistentes e foi recoñecido como Best New Festival nos Iberian Festival Awards, o Bigsound afronta esta segunda convocatoria cun recinto redeseñado, melloras na mobilidade e a previsión de superar os rexistros do pasado ano, consolidando así o seu crecemento.
Un cartel pensado para grandes públicos
Ao longo de dúas xornadas, o Parque de Tafisa acollerá máis de vinte horas de música en directo repartidas en dous escenarios, cunha programación que reunirá algunhas das principais figuras do pop, da música urbana e dos ritmos latinos do panorama actual.
O venres 17 de xullo subirán ao escenario artistas como David Bisbal, Juan Magán, Luck Ra, Lucho Rk, Nil Moliner ou Despistaos.. O día seguinte, o sábdo 18 de xullo, será a quenda de María Becerra, Nathy Peluso co seu Club Grasa DJ Set, Ana Mena, Natalia Lacunza, Yami Safdie, Besmaya e outros nomes destacados da escena pop e urbana.
O festival reforza así unha proposta dirixida a diferentes xeracións de público, combinando artistas consolidados con novas figuras emerxentes nun formato que sitúa Pontevedra como un dos principais escenarios da música comercial neste verán.
Ademais da programación artística, esta edición incorpora importantes melloras organizativas, cun novo deseño do recinto, reforzo dos accesos e do transporte público e un incremento dos servizos para facilitar a experiencia das persoas asistentes. A organización prevé superar as cifras da primeira edición, consolidando o festival como unha das grandes citas musicais do verán galego.
Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade.
O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

