O Teu Xacobeo impulsa a Lacena Pequena, un espazo cultural itinerante que dinamiza “O Camiño de Inverno”

Redacción
  • O comisario do Xacobeo 2027 destaca o carácter innovador da iniciativa que emprega un contedor marítimo para achegar creatividade, gastronomía e artes escénicas a pequenos concellos do rural galego
  • O proxecto arranca este xoves en Vedra e percorrerá cinco municipios máis de Galicia cunha programación cultural especificamente creada para cada un deles

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou hoxe na presentación de A Lacena Pequena, unha das iniciativas apoiadas polo programa O Teu Xacobeo 2026 que converterá o Camiño de Inverno nun escenario cultural itinerante para achegar a creación contemporánea, a gastronomía e as artes escénicas a seis municipios do rural galego.

Impulsado pola productora Ainé, proxecto liderado polo actor Xosé A. Touriñán, e o estudo de arquitectura E-Ló, a iniciativa toma como punto de partida a lacena entendida como lugar no que se gardan e comparten alimentos, lembranzas e saberes. Neste caso, a proposta emprega para crear ese espazo físico un contedor marítimo que tamén almacena e comparte o patrimonio inmaterial do Camiño, achegándoo a peregrinos e poboación local.

No interior deste contedor cultural convivirán propostas moi diferentes: concertos, monólogos, teatro curto, narración oral, exposicións, obradoiros, encontros ou experiencias gastronómicas. En canto ás temáticas, o patrimonio local, as historias das persoas, os produtos de proximidade e o talento galego terán un papel central con propostas deseñadas específicamente para cada territorio.

Durante a presentación, Marcos Gómez Román salientou que proxectos como este demostran que “o Xacobeo tamén simboliza innovación a partir da tradición reinterpretando nun contedor marítimo reciclado un novo espazo cultural itinerante que levará polo territorio os valores de hospitalidade, encontro e identidade que definen o Camiño de Santiago”.

Programación

Un dos principais elementos diferenciadores do proxecto é a súa aposta polo talento emerxente galego. A programación incorpora novos creadores e artistas e plantexa o patrimonio xacobeo como fonte de inspiración para novas formas de expresión.

En canto aos formatos, A Lacena Pequena contempla pequenos concertos acústicos en formato Tiny Desk (popularizados pola radio pública estadounidense), intervencións de artes escénicas e monólogos, unha exposición fotográfica centrada na paisaxes e as persoas do Camiño de Inverno e degustacións de produtos de proximidade, como viños da Ribeira Sacra e queixos locais.

Segundo subliñou o comisario do Xacobeo 2027, “A Lacena Pequena representa un dos grandes obxectivos de O Teu Xacobeo: descentralizar a programación cultural e poñer o foco en rutas menos masificadas como o Camiño de Inverno, levando creación artística de calidade a pequenos concellos rurais e dando visibilidade a unha das rutas xacobeas con maior potencial de dinamización territorial”.

A Lacena Pequena estará en Vedra ata o sábado, 19 de setembro. A iniciativa forma parte dos 55 proxectos apoiados pola Xunta de Galicia na convocatoria 2026 de O Teu Xacobeo, dotada cun investimento de 1 millón de euros, destinada a impulsar iniciativas culturais, artísticas, patrimoniais, sociais, deportivas e dixitais promovidas por entidades e profesionais de toda Galicia como antesala do Xacobeo 2027.

Con A Lacena Pequena, O Teu Xacobeo continúa impulsando unha programación participativa e distribuída por todo o territorio galego, facendo do Xacobeo un proxecto aberto á cidadanía, que reforza a identidade galega e os valores de encontro, hospitalidade e participación que definen o Camiño de Santiago.

Comparte este artigo