HomeXunta de GaliciaPreto de 190 agrupacións de persoal voluntario de protección civil benefícianse do...

Preto de 190 agrupacións de persoal voluntario de protección civil benefícianse do apoio da Xunta para os seus gastos de funcionamento

- Anuncio -spot_img
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de subvencións dotada con 370.000 euros
  • Están dirixidas ás entidades dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde de axudas destinada a financiar os gastos de 189 agrupacións de persoal voluntario de protección civil (AVPC) dos concellos con menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios inscritas no Rexistro de AVPC. A contía total destas subvencións ascende con respecto ao ano 2024, pasando dos 340.000 euros na orde previa aos 370.000 destinados en 2025.

Por provincias, 61 colectivos da Coruña recibirán axudas por valor de máis de 120.300 euros, en Ourense hai 66 que suman un financiamento de case 128.300 euros, en Lugo son 32 agrupacións beneficiarias, cun orzamento de máis de 59.600 euros; e en Pontevedra, as axudas chegarán a 30 agrupacións, con case 61.700 euros de axudas.

As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e vestimenta persoal de uniforme, así como a equipos de prevención e protección, e material informático e de comunicación, sempre que se trate de material funxible. Tamén son subvencionables os custos das actuacións levadas a cabo pola agrupación; da conservación, mantemento e alugamento da base e medios de intervencións; e da formación dos seus  membros, así como o pagamento de seguros do persoal voluntario.

A través desta medida, o Goberno galego colabora economicamente coas AVPC nos seus gastos correntes e contribúe ao seu funcionamento, pese a tratarse dunha competencia de carácter local.

Apoio tamén á dotación de material

Esta orde de axudas anual súmase á liña de apoio específica para a dotación de material. A través de ambas as dúas, a Xunta quere promover a creación, o desenvolvemento e o equipamento das organizacións do voluntariado de Protección Civil, tal e como se establece na Lei de Emerxencias de Galicia.

Nesta liña, a Xunta leva destinado nos últimos anos 18 millóns en apoio ás 236 agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Galicia integradas por máis de 4.000 persoas. Desta cifra, 14 millóns van dirixidos a reforzar o equipamento destes colectivos e os 4 millóns restantes para colaborar nos custos de funcionamento.

Publicacións Relacionadas