Román Rodríguez subliña o crecemento da matrícula de FP en todas as provincias, con Ourense á cabeza

Redacción
  • Destaca que o impulso cualitativo a través da especialización, a tecnificación e unha variada oferta, con novas modalidades, fai que a FP acade un novo récord histórico de 75.383 estudantes, case un 6% máis que o pasado curso
  • Por áreas territoriais, a que máis medra é a de Barbanza-Muros-Noia, seguida de Lemos-Chantada-Quiroga, A Mariña, Área de Ourense e eixo Verín-Limia-Baixa Limia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, subliña o crecemento da matrícula nas ensinanzas de FP en todas as provincias, con Ourense á cabeza. Así o destacou hoxe, tras o informe levado onte ao Consello da Xunta, nunha visita ao Instituto Universidade Laboral de Ourense, do que sinalou que é un exemplo de “polo tractor” destas ensinanzas na cidade e no conxunto da provincia.

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destacou que o novo récord de matrícula, con 75.383 persoas que escolleron estas ensinanzas este curso, case un 6% máis que o pasado, avala “o impulso cualitativo que vimos dando nos últimos anos”. Isto débese a propostas formativas máis tecnificadas, especializadas e novas modalidades que conforman unha oferta ampla, variada e que dá resposta ás necesidades do mercado laboral.

Matrícula por zonas

No que atinxe ao reparto territorial, a matrícula medra de forma xeneralizada en todas as provincias e en todas as áreas, sendo a provincia de Ourense a que rexistra unha porcentaxe máis elevada de crecemento. Así pois, Ourense acada as 7.053 persoas na FP (+7,43%), Lugo conta con 7.774 matrículas (+6,76), Pontevedra con 27.642 persoas (+5,64%) e A Coruña rexistra 32.914 persoas matriculadas (+5,44%).

Esta dinámica alcista dáse tamén en todas as áreas territoriais, sendo a que máis medra a de Barbanza-Muros-Noia (+10,61%), seguida de Lemos-Chantada-Quiroga (+9,22%), A Mariña (+7,89%), Área de Ourense (7,54%) e Verín-Limia-Baixa Limia (+7,39%).

Na variable rural-urbano, destaca o eido rural cun incremento de matrícula do 7,41% ata acadar as 8.716 persoas (601 máis) estudando algún ciclo. As zonas urbanas rexistran un crecemento do 5,63% ata acadar as 66.667 matrículas, 3.553 máis que no 2025/26.

Familias profesionais

No que atinxe ás familias profesionais, das 26 que se poden cursar en Galicia, a matrícula medra en 20 delas. As subas máis salientables son as de Seguridade e medio ambiente (+37,42%), Instalación e mantemento (19,25%), Agraria (+11,98%), Química (+11,96%), Actividades físicas e deportivas (+11,21%) e Edificación e obra civil (+10,37%). O maior número de alumnos concéntrano os ciclos da familia de Sanidade con 11.508 persoas matriculadas, seguido do de Administración e xestión con 9.773 matrículas e Informática e comunicacións con 8.426 matriculados. Tamén cómpre salientar o ciclo de Intelixencia artificial e data, de nova implantación este curso, que arranca con 59 persoas matriculadas.

Gran interese polas modalidades máis novidosas

O aumento tamén é xeneralizado en todas as modalidades formativas, sendo as ensinanzas de grao superior as que concentran o maior número de estudantes, con 41.718 matriculados (o 55,34% do total de alumnos na FP galega), cun crecemento do 6,88% con respecto ao pasado curso. No grao medio hai 27.732 matriculadas (5,42% máis) e un total de 5.933 matriculados no grao básico (un aumento do 0,75%).

Atendendo ás porcentaxes de crecemento, a que concentra unha maior suba este curso é a FP Acelerada, unha vía formativa exclusiva de Galicia que arrancou como proxecto piloto o curso pasado e que ofrece a posibilidade de concentrar a formación en tres ou catro meses. Multiplica por case tres o crecemento de matriculados, ao acadar as 437 persoas fronte ás 162 do pasado curso. Outra das subas máis significativas dáse na FP Básica para Adultos, dirixida á recualificación de persoas que no seu día abandonaron os estudos e precisan formarse de novo, que medra un 119% con 193 matriculados, fronte aos 88 do curso 2025/26.

Pola súa banda, sigue afianzándose a FP Dual Intensiva, que combina formación con traballo en empresa, con 5.492 matriculados, un 18,62% máis que o curso pasado e multiplica por dous a matrícula nos últimos catro anos. Os títulos de alta especialización acadan as 746 matrículas, un 16,74% máis; e os másteres de FP aumentan un 4,63%.

Incremento no Universidade Laboral

O Instituto Universidade Laboral de Ourense é precisamente un dos centros que incrementa a súa matrícula en ciclos formativos este curso, ata chegar a un total de 626 alumnos nestas ensinanzas, un 17,2% máis que no curso 2025/26. Impártense un total de 18 ciclos de grao básico, medio e superior, tanto na modalidade presencial como a distancia, incluíndo tamén cinco proxectos de FP Dual Intensiva. A súa oferta abrangue as familias profesionais de Transporte e mantemento de vehículos, Instalación e mantemento e Fabricación mecánica.

Comparte este artigo