Rueda destaca a Cidade Infantil Príncipe Felipe como referente do Sistema Galego de Protección á Infancia e exemplo de colaboración entre administracións

Redacción
  • Pon en valor que o modelo autonómico de atención aos menores vulnerables é dos máis integradores de España
  • Salienta o carácter transversal deste complexo, onde se protexe e coida, ademais de formar e integrar
  • Critica a actitude do Goberno central no traspaso de menores migrantes ás comunidades autónomas
  • Apela por seguir colaborando coa Deputación para continuar mantendo a actividade desta Cidade Infantil

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a Cidade Infantil Príncipe Felipe como un referente “no sistema galego de protección á infancia”, un dos modelos máis integradores de España. Ademais, puxo en valor que o seu funcionamento é un claro exemplo dos bos resultados que se acadan cando existe colaboración fluída entre administracións.

Así o sinalou esta mañá, durante os actos de conmemoración do 50 aniversario deste complexo, nos que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García.

O complexo e a súa contorna acolle, ademais de tres centros de protección da infancia, a escola infantil Príncipe Felipe, o CEIP Daría González García, o CEE Pontevedra e o CIFP Carlos Oroza e Montecelo. Neste sentido, o presidente autonómico destacou o carácter transversal dun proxecto que se foi reinventando e que aspira non só a protexer aos menores máis vulnerables, senón tamén a formalos e integralos para que “teñan as mesmas oportunidades que os demais”.

Na súa intervención, fixo especial fincapé no sistema de protección á infancia. Precisou que o modelo galego se organiza en “pequenas unidades de convivencia”. Neses pequenos fogares créanse contornos seguros para os nenos e nenas, e ofrecéselles unha atención máis próxima e individualizada.

O titular do Executivo galego tamén puxo en valor a colaboración fluída e estreita entre a Deputación e a Xunta para o mantemento e funcionamento de todos estes centros ao longo dos anos. Así, valorou o positiva que é a cooperación entre administracións, especialmente en cuestións tan sensibles como a atención aos menores, e lamentou que non sempre sexa así, en referencia a actitude do Goberno central en canto ao traslado de menores migrantes ás comunidades autónomas. Neste sentido, afirmou que “Galicia é un pobo solidario” e rexeitou a falta de diálogo para atender aos menores “como merecen”.

Por último, Rueda trasladou a súa felicitación a todo o persoal que, ao longo dos anos, fixo posible que a Cidade Infantil cumpra hoxe 50 anos, afirmando que “para facer isto ben hai que ter moita vocación e moito agarimo”. Ademais, apelou a seguir colaborando para garantir o futuro deste complexo que, segundo dixo, é “parte da historia de Pontevedra”.

Comparte este artigo