HomePontevedraRueda reivindica en Vigo o papel estratéxico da automoción galega e o...

Rueda reivindica en Vigo o papel estratéxico da automoción galega e o liderado de CEAGA como motor industrial e innovador

- Anuncio -spot_img
  • Destaca o impacto da automoción en Galicia, con máis de 200 compañías que xeran arredor de 24.000 empregos (13% do total industrial) e unha facturación de 13.000 millóns de euros
  • Defende o compromiso da Xunta co crecemento do sector, reflectido no Plan Director da Automoción 2023-2027, dotado con 230 millóns de euros e 67 medidas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este venres na Asemblea Xeral do Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (CEAGA), celebrada en Vigo, onde puxo en valor o papel da entidade como referente de innovación, cooperación empresarial e xeración de emprego de calidade.

Rueda salientou que CEAGA leva máis de 25 anos representando toda a cadea de valor do sector en Galicia, dende grandes fabricantes como Stellantis Vigo, pasando por máis de 160 empresas de compoñentes, ata o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e startups vencelladas á aceleradora Business Factory Autor. En conxunto, un ecosistema composto por máis de 200 compañías que xeran arredor de 24.000 empregos directos, o 13% do total industrial galego, e que acadaron unha facturación anual de 13.000 millóns de euros.

O titular do Goberno galego subliñou que CEAGA xa se consolidou como un clúster de referencia en España e Europa, recoñecido pola Secretaría Europea de Avaliación de Clústeres como un dos máis eficientes da Unión. O presidente agradeceu o compromiso coa competitividade e a proxección internacional de Galicia á presidencia do clúster e ás empresas que o integran: “Sabemos o que supoñedes como sector, tanto dentro do emprego industrial como de todo o emprego de Galicia”, destacou.

O xefe do Executivo autonómico defendeu o compromiso firme da Xunta co crecemento e a competitividade do sector da automoción, sinalando que o seu obxectivo é que “a Xunta de Galicia siga sendo un aliado eficaz, e por iso agradezo tanto a colaboración”. Neste contexto, apuntou ao Plan Director da Automoción 2023-2027, dotado con 230 millóns e 67 medidas para consolidar Galicia como un ecosistema industrial punteiro: “Un investimento importante que está feito para acertar e axudarvos, e en colaboración co sector, que ten moitas cousas que aportar”, apuntou.

Ademais, instou ao Goberno central a avanzar na transferencia dos fondos dos PERTES industriais, a ofrecer axudas específicas para o tecido auxiliar e a reducir a burocracia. Á súa vez, reclamou á Unión Europea maior flexibilidade normativa, a revisión das sancións e medidas para facilitar o acceso a vehículos eléctricos a prezos accesibles: “É certo aquelo de que os obreiros que fan os coches non poidan compralos, é unha mensaxe respecto á necesidade de que a nivel europeo se tome nota de moitas cousas que si que se poden mellorar”, remarcou o presidente.

Rueda reafirmou tamén a aposta da Xunta pola colaboración público-privada e polo Diálogo Socia: “Todo o que podamos transmitir ao noso Goberno, para que nós podamos transmitilo a quen corresponda, temos que facelo”, sinalou o presidente.

O presidente salientou a visión compartida de futuro para facer de Galicia un referente na automoción europea, confiando en que o sector continuará sendo un motor económico e social, contribuíndo a un modelo produtivo sustentado na innovación, o emprego de calidade e a cooperación empresarial: “Esa Galicia Calidade, a nosa marca de pais, vese claramente no sector de automoción. As cousas deste sector fanse moi ben aquí en Galicia”, remarcou Rueda.

Publicacións Relacionadas