- A celebración, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 1998, conta con máis de oito séculos de historia e mantén o cabalo e a tradición feiral como elementos centrais
- O Concello de Mondoñedo debe remitir o expediente ao Ministerio de Industria e Turismo, ao que lle corresponde resolver definitivamente a declaración
Turismo de Galicia emitiu informe favorable á solicitude do Concello de Mondoñedo para que As San Lucas sexan declaradas Festa de Interese Turístico Nacional, tras comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos para este recoñecemento, que pon en valor os compoñentes históricos, culturais, tradicionais e turísticos dunha celebración considerada como unha das de maior antigüidade de Galicia e de España.
As San Lucas contan desde 1998 coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia. Con este novo paso, avanzan cara a un recoñecemento de ámbito nacional. Neste sentido, a Xunta destacou a singularidade desta celebración cuxa orixe se remonta a 1156 e que, ao longo de máis de oito séculos, mantivo a súa vinculación co mundo ecuestre e rural.
O cabalo continúa a ser o eixe central das San Lucas, xunto coa actividade feiral, os concursos, as exhibicións e unha ampla programación cultural e festiva. A singularidade das San Lucas combina feira, tradición, cultura e festa, sen perder a estreita vinculación coa historia e coa identidade de Mondoñedo.
O informe salientou tamén o forte arraigo da celebración en Mondoñedo e a participación da veciñanza, así como a súa capacidade para atraer visitantes e de xerar una identidade colectiva para o municipio. A cita reúne arredor de 40.000 persoas durante os seus días de celebración e contribúe á dinamización turística, comercial e hostaleira da localidade. A gastronomía tradicional, con produtos como as tortas, o pan e as empanadas, completa a oferta vinculada á festa.
Con esta valoración favorable da súa popularidade, antigüidade, arraigo, participación cidadá e diversidade da súa programación, As San Lucas avanzan cara á declaración de Festa de Interese Turístico Nacional, reforzando a proxección de Mondoñedo como destino vinculado á tradición, ao patrimonio e á cultura rural e ecuestre de Galicia.
Corresponderá agora ao Concello de Mondoñedo remitir o expediente ao Ministerio de Industria e Turismo, organismo competente para resolver definitivamente a declaración.

