O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o alcalde de Moraña, Sito Gómez, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a recuperación e acondicionamento da Ponte da Roza. No encontro analizaron o estado actual das actuacións previstas entre Turismo de Galicia e o Concello de Moraña, cun investimento de 26.811,18€ asumido integramente pola Xunta.
O proxecto inclúe a realización dunha serie de obras para a recolocación das pedras da ponte que se atopan caídas, a reconstrución de determinados apoios e o acondicionamento e limpeza dos accesos. A Ponte da Roza sitúase na zona da Fontenal, un espazo integrado no percorrido de diferentes rutas de sendeirismo e próximo a áreas recreativas con uso ao longo de todo o ano. A súa recuperación contribuirá así a reforzar os recursos turísticos do municipio e a favorecer unha oferta vinculada á natureza e ao patrimonio que poida desfrutarse máis alá da tempada estival. Con esta actuación, Turismo de Galicia continúa apoiando a mellora e posta en valor dos recursos locais como vía para fortalecer a oferta turística dos concellos galegos, favorecer a distribución dos fluxos de visitantes e avanzar cara a un turismo máis desestacionalizado.

