A Xunta mantén a colaboración coa Deputación de Ourense a través dun convenio que estende as probas de BTT, cicloturismo e trail a toda a provincia
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe no Parador de Santo Estevo de Rivas de Sil, na presentación da 6ª edición da marcha cicloturista Ribeira Sacra Cycling. O evento celebrarase o domingo 20 de setembro e inclúe dous percorridos distintos por distintos municipios da Ribeira Sacra ourensá.
En concreto, as persoas participantes poderán elixir entre o percorrido Gran Fondo, de 110 quilómetros e arredor de 2.400 metros de desnivel positivo, e o de 90 quilómetros, con 1.800 metros de desnivel positivo.
Esta marcha cicloturista de estrada e de carácter non competitivo sairá ás 9,30 horas da parroquia de Luíntra, en Nogueira de Ramuín, e discorrerá ademais polos municipios de Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil, A Teixeira, Pereiro de Aguiar e Montederramo. Na súa pasada edición participaron máis de 200 ciclistas procedentes de Galicia, doutras comunidades autónomas e do norte de Portugal.
Como lembrou Merelles, esta cita deportiva constitúe “unha iniciativa de gran interese turístico, ao vincular o turismo activo coa promoción dun destino rural de elevado valor paisaxístico, cultural, gastronómico e vitivinícola”. O director de Turismo de Galicia destacou ademais o compoñente de desestacionalización da demanda turística, ao celebrarse durante o mes de setembro.
A iniciativa é posible grazas ao convenio asinado entre Turismo de Galicia e o INORDE, para a promoción e dinamización turística na provincia de Ourense. En concreto, Turismo de Galicia promove tres iniciativas deportivas relacionadas con eventos cicloturísticos, entre elas, a celebración da Ribeira Sacra Cycling. Ademais, inclúe a Ourense Strade Termal -celebrada en abril- e a Xurés Bike Tour, desenvolta no mes de xuño.
Turismo de natureza
O segmento de turismo de natureza constitúe un vector de gran valor para o mercado galego, cun gasto total que ascende a 222,6M€, un 8,8% do total nacional. Segundo a Enquisa de Turismo de Residentes de 2025, 477.000 turistas xeraron máis de 3,3M de noites en Galicia, o que supón un 5,5% do total, con estancias que superan a duración media da media nacional.
O director de Turismo de Galicia lembrou tamén os bos datos de turismo que leva acumulados a provincia de Ourense no que van de ano e que, sinalou, apoian o éxito da estratexia de desestacionalización do Goberno galego. En concreto, entre xaneiro e xullo, 197.478 persoas fixeron 390.863 pernoctacións en establecementos da provincia, o que supón un 5,8% e un 10,7% máis, respectivamente, que no mesmo período de 2025.

