Villaverde asiste aos actos festivos do Carme en Cambados para amosar o seu recoñecemento aos profesionais do mar

Redacción

A responsable autonómica tamén visitou a carpa da XXII Festa de exaltación da vieira para poñer en valor a calidade dos produtos do noso mar

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu hoxe aos actos festivos na honra da Virxe do Carme celebrados en Cambados, para amosar o recoñecemento da Xunta ao traballo dos profesionais do mar de Galicia.

Villaverde  quixo render homenaxe tanto á xentes do mar que traballan na baixura como aos que o fan en caladoiros afastados, ademais de ter unha lembranza especial para persoas falecidas vinculadas o mar e as súas familias.

Tras o acto relixioso, a conselleira asistiu a un acto social celebrado na sede da Confraría cos representantes do sector, onde defendeu a actividade pesqueira como estratéxica para Galicia.

Xornadas de exaltación da vieira

A conselleira tamén aproveitou a súa estancia en Cambados para visitar a carpa das XXII xornadas de exaltación da vieira, unha festa de Interese Turístico de Galicia impulsada pola propia confraría de Pescadores e que pon en valor a gastronomía galega mediante un marisco tan emblemático das Rías Baixas.

Villaverde destaca esta celebración coma unha oportunidade para gozar de Galicia a través de todos os sentidos mentres se promocionan produtos locais e exclusivos deste Concello pontevedrés, sendo o porto de Tragove o único punto de venta autorizado para a comercialización da vieira.

Esta celebración, apoiada pola Consellería do Mar, reúne cada ano a máis de 50.000 visitantes nesta localidade de tradición mariñeira, e este ano as previsións apuntan a superar as cifras de edicións anteriores ao coincidir precisamente cos actos da festividade do Carme.

Comparte este artigo