Mos acende o seu Nadal máis rondalleiro

Redacción
Lectura mínima de 5

O Concello de Mos deu esta tarde o pistoletazo de saída ao seu Nadal máis rondalleiro cun multitudinario acto de acendido das luces que encheu o Pazo de Mos de veciños e veciñas, familias e moita ilusión. O evento contou coa presenza da alcaldesa, Nidia Arévalo, e do director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, que quixo acompañar ao municipio nun dos momentos máis especiais do ano.

Durante a xornada tamén se fixo entrega dos premios da campaña “Compra e Gaña en Mos”, entrega que tivo lugar pola mañá na apertura do Mercado Aberto do Queda en Mos III, que se prolongará ata mañá, co obxectivo de dinamizar o comercio local e reforzar o consumo de proximidade nestas datas.

“Hoxe Mos acende non só as luces, senón un Nadal cargado de tradición, convivencia e moitísimo espírito rondalleiro”, indicou a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. “Somos un municipio que vive estas festas con identidade propia, con orgullo e cunha enorme participación veciñal. Deséxovos a todos un Nadal cheo de emoción e de Mos en cada recuncho”, afirmou Nidia Arévalo, antes de dar paso á actuación de Cantajuego, co seu espectáculo “El Payaso Tallarín”, a actuación estelar da xornada.

Co acendido, Mos inaugura unha programación de Nadal ampla, diversa e pensada para todas as idades e que ten este ano como plato forte o Rondallas Fest.

A continuidade festiva chegará a fin de semana seguinte co Rondallas Fest, un dos eventos máis esperados do Nadal mosense, que se celebrará dende o venres 12 ata o domingo 14, tamén no Pazo de Mos. O programa inclúe o coloquio co director e actores da película “Rondallas”, foodtrucks durante toda a tarde e as actuacións das rondallas ás 16:30 horas ambos días, consolidando Mos como un dos epicentros desta tradición tan nosa.

O venres 19, ás 19:00 horas, o Multiusos das Pozas acollerá a Festa do Deporte, un evento de recoñecemento ao tecido deportivo local. Xa o domingo 21, a programación multiplicarase con varias actividades ao longo do día: ás 10:30 horas terá lugar a Papanoelada Moteira coa saída dende a Avenida de Sanguiñeda; no mesmo horario celebrarase a Concentración de Coches Clásicos no Parque O Son do Regueiro de Torroso; ás 12:00 horas o Multiusos das Pozas acollerá o Festival de Nadal das Escolas de Patricia Martínez; e ás 19:00 horas o Auditorio de Torroso será o escenario do concerto de Chavellos Sinfónico e a Banda de Música Xuvenil de Torroso.

O sábado 27, a partir da medianoite, o Pazo de Mos será o lugar da tradicional Festa Pre Fin de Ano, unha cita pensada para toda a veciñanza que cada ano reúne a centos de persoas. Xa o domingo 28, ás 18:00 horas, o Auditorio de Torroso acollerá unha nova sesión de Ocio en Familia, con “Os Fabulosos Cleaners” da compañía Malasombra e un espectáculo de pompas xigantes para público infantil e familiar.

Durante todo o Nadal permanecerán abertos ao público os dous beléns máis emblemáticos do municipio. O Belén do Pazo de Mos poderá visitarse de luns a domingo de 17.00 a 20.00 horas, e os sábados e domingos de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas, agás o 25 de decembro pola tarde e o 1 de xaneiro durante todo o día, que permanecerá pechado. Pola súa banda, o Belén de Herville, na Asociación Cultural de Herville, abrirá de luns a venres en horarios de 15.00 a 17.00 e de 19.00 a 22.30; os sábados de 15.00 a 23.00 e os domingos, de 11.30 a 13.30 e de 15.00 a 21.30 horas, mantendo a súa tradicional acollida á veciñanza e visitantes de toda a comarca.

A programación de Nadal pecharase en xaneiro coa celebración da Cabalgata de Reis, que percorrerá as rúas de Sanguiñeda o luns 5 a partir das 18:00 horas, levando a ilusión ás casas dos máis pequenos e poñendo o broche final a estas semanas de festa e convivencia.

O Concello de Mos anima a toda a veciñanza a participar activamente desta programación, pensada para dinamizar o municipio, apoiar o comercio local e celebrar con orgullo as nosas tradicións. O Nadal en Mos chega un ano máis cheo de emoción, luz e espírito rondalleiro.

Comparte este artigo