Hoxe visitarase o río Gafos da man de especialistas en natureza urbana, e o vindeiro fin de semana a Xunqueira de Alba, unha cita que foi aprazada o pasado fin de semana polo mal tempo.
O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
O proxecto RedeVerde Pontevedra recupera dende hoxe o programa das súas Rutas Ambientais, unha proposta que convida á cidadanía a coñecer os espazos naturais do municipio a través de paseos guiados. Trátase de dúas actividades abertas ao público que se celebran esta fin de semana na contorna do río dos Gafos e os días 29 e 30 de novembro na Xunqueira de Alba (esta saída tivo que ser aprazada o pasado fin de semana por mor da chuvia).
As dúas citas contarán con dúas quendas —de 10:00 a 12:00 h e de 12:00 a 14:00 h— e están orientadas a públicos de todas as idades, incluíndo familias e persoas con mobilidade reducida, grazas a percorridos de dificultade baixa.
Nesta fin de semana a ruta céntrase no río Gafos, un dos corredores verdes máis emblemáticos de Pontevedra. A recuperación deste espazo urbano permitiu revitalizar un ambiente fluvial histórico e consolidar un lugar de encontro que combina natureza, patrimonio e convivencia cidadá.
Na vindeira fin de semana, as rutas desenvolveranse no Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Xunqueira de Alba, un enclave de grande valor ecolóxico a poucos minutos do centro urbano.
Durante o percorrido, as persoas participantes poderán observar a biodiversidade propia das marismas, onde conviven aves migratorias, pequenos anfibios, insectos e unha destacada presenza de flora autóctona.
Co desenvolvemento destas actividades, RedeVerde continúa impulsando accións de educación ambiental e posta en valor dos ecosistemas urbanos, reforzando a conexión da cidadanía coa súa contorna natural e promovendo unha cultura de coidado e responsabilidade compartida.
A participación é gratuíta, previa inscrición a través do seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/
1FAIpQLSeuV7M0LJvP1EdxawFQ-VvRUTHyzRORkgs4XXgPZevUpBWSlw/viewform
O proxecto é promovido polo Concello de Pontevedra, apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU e coa colaboración da Universidade da Coruña como entidade agregada.

