• A contratación, cunha duración de nove meses, ofrece a oportunidade de adquirir experiencia profesional na Administración e desenvolver tarefas relacionadas coa súa formación
O Concello da Guarda incorporou o pasado 26 de outubro unha nova persoa traballadora como auxiliar administrativo no Departamento de Urbanismo, ao abeiro das subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través da colaboración con entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
Esta contratación terá unha duración de nove meses e permitirá á persoa seleccionada adquirir experiencia profesional nun ámbito directamente relacionado coa súa formación, desenvolvendo tarefas de apoio administrativo neste departamento municipal.
O programa constitúe unha oportunidade para que a mocidade inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil poida acceder ao seu primeiro emprego, facilitando o contacto co mundo profesional e a adquisición de competencias nunha contorna de traballo real.
Dende o Concello queremos tamén animar ás persoas mozas recentemente tituladas a inscribirse no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, un requisito que lles permite optar a iniciativas deste tipo e acceder a oportunidades de formación e emprego tanto na Administración pública como noutras entidades.
O Concello da Guarda é beneficiario ao longo do ano de diferentes subvencións e programas de emprego e formación que permiten ofrecer á veciñanza novas oportunidades para mellorar a súa cualificación, adquirir competencias profesionais e obter a experiencia necesaria para facilitar a súa incorporación ao mercado laboral.
Con estas iniciativas, o Concello continúa apostando pola formación e o emprego, especialmente entre a mocidade, favorecendo o desenvolvemento profesional e a creación de novas oportunidades no ámbito local.

