A Xunta anima ao alumnado de secundaria a participar na nova edición do concurso #parquevibras con vídeos para redes sociais sobre o patrimonio natural galego

adminON
Lectura mínima de 4
  • Os interesados poden enviar as súas propostas para Instagram, TikTok e Youtube ata o vindeiro 6 de febreiro e os gañadores recibirán como premio unha excursión guiada para toda a súa clase a un parque natural da Comunidade
  • Na primeira convocatoria desta iniciativa implicáronse máis de 500 alumnos de 26 centros educativos e os vídeos presentados acadaron máis  de 166.000 visualizacións
  • Marisol Díaz salienta a importancia deste tipo de actividades que converten aos alumnos e alumnas nos mellores influencers da riqueza natural de Galicia

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, animou hoxe ao alumnado de educación secundaria obrigatoria (ESO) a participar na segunda edición do concurso #ParqueVibras coa creación de vídeos orixinais para redes sociais sobre o patrimonio natural galego.

En concreto, esta iniciativa que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático puxo en marcha o pasado curso ten como obxectivo que o alumnado cree contido para Instagram, TikTok ou YouTube centrado ou inspirado nalgún dos seis parques naturais de Galicia —Fragas do Eume; Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Baixa Limia-Serra do Xurés; O Invernadeiro; e Enciña da Lastra—.

Con todo, a directora xeral indicou que aínda que a temática terá que estar relacionada coa Rede de parques naturais de Galicia e cos seus valores ambientais, culturais e/ou sociais, os participantes terán liberdade para xestionar os contidos, que poderán incluír imaxes dalgunha ruta peonil, bailes, gráficos ou memes, entre outros elementos.

Segundo explicou Marisol Díaz, o prazo para poder inscribirse neste concurso—de forma individual ou en grupo— xa está aberto e permanecerá así ata o próximo 19 de decembro. Os vídeos propostos deberán incluír no momento da súa publicación en calquera das tres redes sinaladas os seguintes hashtags obrigatorios: #ParqueVibras e #GaliciaCalidade. A data límite para enviar os vídeos será o 6 de febreiro.

Haberá un máximo de cinco premios: un por provincia e outro para o vídeo máis viral. En caso de que este último coincida con algún dos anteriores, só se entregarían catro galardóns. O 27 de febreiro daranse a coñecer os finalistas e a partir de aí escolleranse os  vídeos premiados. O concurso finalizará cunha gala de entrega de galardóns prevista para comezos do mes de abril e os gañadores recibirán como premio unha excursión guiada para todos os alumnos da súa clase a un parque natural da Comunidade.

Durante a súa intervención, Marisol Díaz puxo en valor a boa acollida que tivo esta iniciativa na súa primeira edición. En concreto, participaron 56 equipos de 26 centros educativos, implicando a máis de 500 alumnos. E o alcance foi de máis de 166.000 visualizacións, 8.300 likes e preto de 600 comentarios. Deste xeito, segundo dixo a directora xeral, as alumnas e alumnos convértense nos mellores influencers do patrimonio natural galego.

Neste sentido, salientou a importancia deste tipo de actividades, que animan a participar á xuventude apelando ao seu lado máis creativo e aos seus coñecementos sobre as redes sociais, para implicar e concienciar aos máis novos sobre a riqueza dos espazos naturais e da biodiversidade de Galicia.

Comparte este artigo