Mos presentou hoxe oficialmente, nun acto celebrado no Concello, o proxecto da nova estación de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) que a empresa SYC Applus implantará no Parque Empresarial da Veigadaña. A infraestrutura, que conta xa coa licenza municipal aprobada pola Xunta de Goberno Local, estará operativa no cuarto trimestre de 2026.
No acto participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, Alberto Zalvide, director xeral de Applus Auto en Galicia, Ana Ortiz, delegada de la Xunta en Vigo e membros da Corporación Municipal, así como entidades empresariais e veciñais da contorna. Tamén estivo presente o vicepresidente de AEMOS, Ramón Alonso.
A rexedora destacou que “con esta aprobación seguimos facendo do noso parque empresarial un espazo atractivo para novos investimentos, xerador de emprego e servizos, e contribuímos a que a veciñanza de Mos e da área metropolitana poida realizar as inspeccións dos seus vehículos sen necesidade de desprazamentos longos”.
Pola súa parte, os representantes de SYC Applus explicaron os detalles dun proxecto que mobiliza unha nave de aproximadamente 1.685 m², na que se distribuirán catro liñas de inspección (dúas para vehículos lixeiros e dúas universais), un box para motocicletas e un laboratorio de frío ATP para vehículos isotermos ou frigoríficos. O conxunto complementarase cun edificio administrativo de dúas plantas que contará con zonas de atención ao público, oficinas e espazos de servizo.
A empresa prevé realizar máis de 70.000 inspeccións ao ano desde o primeiro exercicio completo de funcionamento, o que evidencia a elevada demanda comarcal deste servizo.
A alcaldesa subliñou tamén a importancia estratéxica da localización: “A Veigadaña é un espazo que segue medrando, e esta nova estación de ITV contribúe non só a mellorar a seguridade viaria, senón tamén a dinamizar o parque empresarial, consolidándoo como un polo de referencia industrial e de servizos na Área Metropolitana de Vigo”.
O Concello de Mos reafirma así o seu compromiso en apoiar proxectos que melloren a calidade dos servizos, fomenten a actividade económica e impulsen o desenvolvemento local.
Tralo acto na sala de xuntas do Concello de Mos, realizouse unha foto na parcela onde se está a construír a nova planta da ITV, á que se uniu Manuel Castro, presidente de AEMOS.

