Ángeles Vázquez anima a apostar este Nadal polas plantas de produción local como elemento decorativo

adminON
Lectura mínima de 3
  • Explica que cada planta que se produce en Galicia contribúe á transformación verde da Comunidade a través dun modelo de consumo sostible e da redución de emisións de CO2 asociadas ao transporte de longas distancias
  • Pon en valor o compromiso de Viveiros Compostela cos novos criterios de sostibilidade coa aplicación de procesos eficientes que reducen residuos, optimizan recursos e diminúen a pegada de carbono 

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe á cidadanía a apostar este Nadal polas plantas de produción local como elemento decorativo nos seus fogares para reducir o impacto ambiental destas celebracións, así como para promover o mercado de proximidade.

Durante a súa visita ás instalacións de Viveiros Compostela, no concello de Boqueixón, Ángeles Vázquez explicou que cada planta que se produce en Galicia contribúe á “transformación verde” da Comunidade xa que, ademais de encaixar co modelo de consumo sostible que promove a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, tamén reduce as emisións de CO2 asociadas ao transporte de longas distancias.

Nese senso, a conselleira subliñou que o Goberno galego avoga por un modelo baseado en menos residuos e máis reciclaxe, na eliminación de plásticos e no impulso a unha economía circular que faga un uso responsable dos recursos.

De feito, Ángeles Vázquez avogou por aplicar ese modelo no vindeiro Nadal con accións como reducir envoltorios innecesarios, apostar por materiais reciclados, escoller ábores naturais de proximidade que poidan replantarse ou compostarse despois das festas, ou optar por luces LED, temporizadores e decoración duradeira que teñen un menor impacto ambiental e maior eficiencia enerxética.

Nesa liña, a conselleira puxo en valor o compromiso de Viveiros Compostela cos novos criterios de sostibilidade. Ademais de apostar pola produción local de plantas de tempada, aplica procesos eficientes que reducen residuos, optimizan recursos e diminúen a pegada de carbono. De feito, esta empresa familiar conta co recoñecemento do selo Galicia Calidade, que avala a calidade, a trazabilidade e os criterios ambientais na produción.

Viveiros Compostela está especializada na produción de plantas de tempada con variedades para interior, exterior e arbustos. As instalacións contan con tecnoloxía avanzada, o que permite un uso responsable de recursos como auga, enerxía e abono, reducindo o impacto ambiental. Así, durante todo o proceso de cultivo a empresa realiza un control rigoroso de parámetros como humidade, temperatura, auga e abonado para garantir a calidade e a sanidade das plantas ornamentais.

Nesta tempada a metade das súas tres hectáreas de plantación está destinada á produción de 43.000 flores de Pascua (Poinsettia) e, a continuación, dedicaranse ás especies de primavera como xeranios, petunias, alegrías e begonias, entre outras.

Comparte este artigo