O 29 proxectarase ‘Charlie y la fábrica de chocolate’ e todos os sábados de decembro estarán adicados a cine infantil con temática de Nadal
O Concello de Nigrán ofrece este sábado 22 de novembro ás 18:00 horas no Cine Municipal da Ramallosa a película ‘Gru 4, mi villano favorito’. Como todas as proxeccións neste espazo público, é gratis mediante retirada de invitación na propia taquilla desde unha hora antes do comezo e ata esgotarse o aforo. A continuación, o sábado 29 proxectarase ‘Charlie y la fábrica de chocolate’ e todo o mes de decembro os sábados estarán adicados a cine infantil con temática de Nadal. A selección de todas estas longametraxes familiares corre a cargo da ‘Xeración Xa!’, o órgano de participación infantil e xuvenil do Concello de Nigrán.
Gru, Lucy e as nenas -Margo, Edith e Agnes- dan a benvida a un novo membro na familia: Gru Junior, que parece chegar co propósito de ser un suplicio para o seu pai. Gru terá que enfrontarse nesta ocasión á súa nova némesis Maxime Lle Mal e a súa sofisticada e malévola noiva Valentina, o que obrigará á familia a ter que darse á fuga.

