● O portavoz municipal do PP cualifica a situación de “moi grave” en base ao informe de Intervención, que alerta dos acordos adoptados a pesar de os reparos e á omisión da función interventora
O portavoz municipal do PP de Vilaboa, Alberto Acuña, acaba de denunciar que o Concello xestionou sen control case catro millóns de euros durante o pasado exercicio e censurou que esta mala actuación en materia económica provocou que se pechase 2025 con déficit e precisando dun plan económico-financeiro “que está claro que traerá consecuencias para os veciños, ben en forma de recortes en obras e servizos ben en forma de subidas de impostos”.
O concelleiro popular cualificou esta situación de “moi grave” en base ao informe de Intervención Municipal, que alerta de acordos adoptados polo goberno de César Poza a pesar de a existencia de reparos e a outros nos que se omitiu a preceptiva función interventora. “Case 4 millóns de euros foron gastados sen ningún tipo de control previo ou en contra do criterio técnico de Intervención, que é o departamento que sabe, polo que estamos a falar dunha cantidade moi relevante que aboca ao Concello a unha difícil incerteza económica pola mala xestión do executivo socialista”, manifestou.
Alberto Acuña lembrou que os reparos en facturas son advertencias legais sobre posibles irregularidades na tramitación do gasto e indicou que o goberno local “levántaos sen ningún rubor ata chegar a unha cifra desorbitada contra o criterio técnico, debilitando a función fiscalizadora e asumindo uns riscos innecesarios en materia de legalidade”.
Para o portavoz municipal, esta situación, “que ademais se produce cunha reiteración preocupante”, evidencia un problema estrutura moi importante na xestión económica do Concello: “Cando os reparos deixan de ser excepcionais, o problema non é técnico, senón político, cunha deriva da que aínda non sabemos as consecuencias”, significou o edil, que esixe ao alcalde que dea as explicacións oportunas sobre como pretende afrontar esta difícil situación económica, en referencia a unha posible subida de impostos ou recortes para paliar o déficit derivado deste descontrol no manexo dos fondos públicos.
Finalmente, Alberto Acuña engadiu que a gravidade da situación tamén radica en que o propio executivo “nin sequera sabe canto diñeiro está afectado” e que a iso súmase a “irresponsabilidade” á hora de gobernar “que pon en risco a viabilidade do Concello, os seus servizos e as necesarias obras para o desenvolvemento e o futuro de Vilaboa”..

