● Celebrarase o vindeiro sábado 11 de abril entre as 10:00 e ás 14:00h no pavillón do CEIP Xosé Fernández López e abordará estratexias de prevención, seguridade e autoconfianza
O Concello do Porriño, a través da concellería de Igualdade, celebra un curso de defensa persoal feminina e aspectos xurídicos, unha iniciativa gratuíta e aberta a todas as mulleres do municipio, sen necesidade de inscrición previa, co obxectivo de reforzar a súa seguridade, autonomía e benestar.
A formación desenvolverase o vindeiro sábado 11 de abril, en horario de 10:00 a 14:00 horas, no pavillón do CEIP Xosé Fernández López, e contará cunha destacada participación, a do maxistrado D. Juan José Trashorras, que achegará a súa visión experta sobre os aspectos legais vinculados á autoprotección e á violencia de xénero.
O curso está deseñado para que as mulleres desenvolvan máis confianza en si mesmas, ao tempo que aprenden a implementar estratexias de prevención e detección de situacións de perigo, integrando na súa vida diaria hábitos de seguridade que lles permitan actuar con maior tranquilidade e capacidade de resposta.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta iniciativa: “Este curso non só ofrece ferramentas prácticas de defensa persoal, senón que tamén nos achega coñecementos xurídicos e estratexias de prevención. O saber é poder en calquera ámbito, e nós queremos poñer a disposicion das mulleres todas as ferramentas posibles”.

