O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, valorou de forma moi positiva o desenvolvemento, durante o día de hoxe, da primeira xornada “ordinaria” de funcionamento das novas liñas de autobuses urbanos. A rede, posta en marcha o pasado día 16, afrontaba o seu primeiro día de pago, logo de que as viaxes fosen gratuítas durante os 7 días anteriores.
“Era unha proba de lume e constatamos que en todas as mostraxes que fixemos houbo unha puntualidade superior ao 95%”, asegurou Pérez Jácome, quen subliñou que “esta é unha das excelencias da nova rede. Se na rede anterior a puntualidade en ocasións rondaba o 50%, agora roza o 100%. É unha noticia boísima, xa que supón un cambio total. Significa que os ourensáns non teñen que estar minutos e minutos agardando a ver cando chega o seu autobús. Saben que teñen unha puntualidade británica”, aseverou o rexedor.

